Acisa Ribadeo únese á petición para que se oficialice o Camiño do Mar

120

ACISA RIBADEO ÚNESE Á PETICION PARA QUE SE OFICIALICE O CAMIÑO DO MAR. A PATRONAL CONSIDERA ESENCIAL AUMENTAR OS ESFORZOS DE PROMOCIÓN DA RUTA AO SEU PASO POR RIBADEO.

Acisa continuará a traballar na promoción de Ribadeo coma destino seguro. A asociación analizou o traballo realizado no que vai de ano e acordou as actividades que desenvolverá no último trimestre do ano, na última reunión da xunta directiva na que acordou unirse á petición para que se oficialice o Camiño do Mar.

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco Iriarte, comentou que “un dos principais temas tratados pola directiva da patronal é a necesidade que temos, como asociación de comerciantes e hostaleiros, de implicarnos activamente na promoción do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo. Noutros Concellos estannos comendo terreo e temos que poñernos ao día. Somos moi conscientes do impacto económico que xera na economía local. Por elo estamos a traballar nun proxecto que xire en torno á ruta a Compostela. Con esta iniciativa promocionaremos Ribadeo como un lugar de parada e descanso obrigatorio para os peregrinos, ensinándolles qué ver e qué facer na vila para que despois de facer o Camiño volvan a Ribadeo”.

Acisa Ribadeo únese publicamente á reivindicación, que xa están facendo outros Concellos e colectivos da Mariña, para que se oficialice o Camiño do Mar.

O presidente da asociación sinala que “vivimos unha situación moi delicada, o turismo caeu e polo tanto a actividade económica. Non é conveniente ter parado este recurso do Camiño do Mar, que podería xerar moitos visitantes no Xacobeo 2021. Hai que ter en conta que Ribadeo tería así dúas rutas xacobeas, é dicir, poderíamos ter o dobre de visitas de peregrinos e o dobre de potenciais turistas que volverán a Ribadeo unha vez rematado o Camiño”.

Para o xerente de Acisa: “é hora que desde Ribadeo nos involucremos plenamente no Xacobeo e na promoción do Camiño, atendendo así ademais a unha petición de hai tempo dos socios, que algún xa esta a facer pola súa conta, como poden ser os participantes nas Xornadas do Camiño do Mar. Debemos ver que cada peregrino pode ser un embaixador da localidade, xa que se lle gusta cando fai a ruta quizais volva coa súa familia ou cos amigos”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez explicou que “nesa xuntanza tamén analizamos a situación actual da asociación. A día de hoxe superamos os 170 socios, tivemos 17 altas desde o 1 de xaneiro e temos que lamentar 6 baixas, cinco delas por peches previos a esta crise”.

Pérez, fixo un resumo do traballo realizado durante estes meses de pandemia: “puxemos en marcha a app, os materiais para o covid entregados gratuitamente aos socios, a marca Ribadeo Seguro, a promoción de Ribadeo desde que rematou o confinamento. Tamén creamos o Barrio Mariñeiro de Porcillán e da Vila Mariñeira de Rinlo, entre outras moitas accións. Mostra de todo este traballo e este esforzo, creo que poden ser as 17 altas que tivemos en Acisa e as cero baixas por outro motivo que non fose o peche dos negocios”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos lembrou que “están sendo meses moi difíciles. Temos que traballar neste trimestre máis que en todo o resto do ano e facer un bo Nadal para que ninguén se quede atrás”.

Pérez Prada anunciou que “dentro duns días presentaremos unha nova edición do Domingueo, ue virá con novidades. A finais de mes daremos a coñecer a plataforma de venda online, que si todo vai ben contará con 50 establecementos de inicio. Para novembro traballamos en diferentes iniciativas que nos axuden a dinamizar as compras ese mes, tradicionalmente baixo, e por suposto estamos xa pensando no Nadal que xunto coa Festa do Comercio, este ano presentará diversas novidades”.