ACISA Ribadeo valora moi positivamente a súa participación en Fitur

89

ACISA RIBADEO VALORA MOI POSITIVAMENTE A SÚA PARTICIPACIÓN EN FITUR E ESPERA QUE TEÑA MOITA REPERCUSIÓN NO COMERCIO E NA HOSTALERÍA RIBADENSES

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (ACISA) de Ribadeo valora moi positivamente a súa participación na feira internacional de turismo Fitur, que se está celebrando en Madrid, e espera que teña moita repercusión no comercio e na hostalería ribadenses.

O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, explicou que valoran moi positivamente o intenso traballo realizado en Fitur porque “foi un éxito de promoción do Ribadeo Indiano e do municipio en xeral e concretamente a presentación internacional do Ribadeo Indiano contou cunha afluencia espectacular de público. Ademais mantivemos reunións con operadores turísticos para reafirmar os atractivos de Ribadeo ante as axencias de viaxes e tamén tivemos xuntanzas nas delegacións de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, entre outras, para promover Ribadeo como destino turístico gastronómico, de ocio diúrno e nocturno, comercial, cultural, así como lugar de paso do Camiño de Santiago. Asistimos tamén á presentación da campaña turística da Deputación de Lugo, que ten como cabeza de cartel o Ribadeo Indiano”.

Por todo isto, engadiu Francisco Iriarte, “desde Acisa estamos moi satisfeitos co traballo realizado e confiamos en que todo este esforzo sexa beneficioso para os nosos socios e socias, para o noso comercio e a nosa hostalería”. E rematou agradecendo “a todas as persoas asistentes á presentación do Ribadeo Indiano, ribadenses en Madrid, embaixadores e delegacións diplomáticas e as intervencións de personalidades do mundo da cultura e académico, así como ás empresas ribadenses que participaron no evento, entre as que había varias socias de Acisa, e ao Concello de Ribadeo”.