ACISA Ribado estará presente un ano máis en Fitur acompañando ó Concello de Ribadeo

21

A nova marca turística Ribadeo a contrapunto será presentada o 25 de xaneiro nun acto na Casa de Galicia previsto para as 21:00 horas. A escritora e xornalista Sonsoles Ónega será a encargada de dar a coñecer os potenciais ribadenses. A velada será amenizada por Guillermo Cruzado, músico ribadense afincado en Madrid. Os produtos de proximidade estarán presentes na degustación que ofrecerán catro restaurantes ribadenses: La Solana, Ramonita, A Horta de San Roque e El Oviedo.

O alcalde, Dani Vega, presentou esta mañá no salón de plenos do Concello a campaña de promoción, xunto á concelleira de Turismo, Marta Saiz, e á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.

Concello e Acisa asistirán xuntos a Fitur 2024 con tres obxectivos: “evidenciar o potencial turístico de Ribadeo, expoñer as liñas estratéxicas que nos guían e mostrar as ferramentas que utilizaremos para consolidarnos como un dos piares turísticos do norte de Galicia. En Madrid presentaremos a nova campaña publicitaria, manteremos reunións e estableceremos contacto con diversos axentes turísticos e entidades relacionadas coa promoción do turismo”, segundo puxo de manifesto o alcalde, Daniel Vega.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “Acisa acompañará un ano máis ao Concello na promoción turística que realizará en Madrid, na Casa de Galicia, a vindeira semana e participará nas reunións de traballo en Fitur co obxectivo común de atraer visitantes ao longo de todo o ano”.

Cruzado subliñou que “Ribadeo ten potenciais dabondo para mostrar a quen nos visite durante todo o ano. Temos costa e interior, temos mar, ría e monte; Ribadeo ten un pasado comercial, ilustrado e indiano espectacular… Ribadeo conta cuns produtos da horta incribles, a hostalería sempre está disposta a sorprender a quen se achega ata aquí con exquisitos peixes, mariscos e carnes. Temos hostalería tradicional e innovadora, temos un comercio referentes en toda a contorna… E estamos moi ben comunicados por autovía, e a tiro de pedra do aeroporto e do tren de alta velocidade da veciña Asturias”.