ACISA sorteará unha viaxe a Mallorca e 6.000 euros (en vales de compra), entre outros premios, na XIV Festa do Comercio, que terá lugar o 11 de xaneiro. A campaña de Nadal arrinca este xoves, día 5.

53

A XIV Festa do Comercio, que organiza Acisa, terá
lugar o 11 de xaneiro nas carpas situadas na Avenida Rosalía de Castro ás 20:30 horas.
Trátase dunha edición moi especial coa que culminará o ano no que a asociación
conmemorou o seu trinta e cinco aniversario.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “con esta campaña queremos poñer o
broche de ouro á conmemoración do 35 aniversario de Acisa Ribadeo que celebramos
neste 2024. De aí que pensásemos en mandar a unha parella a Mallorca a pasar uns
días, porque unha das primeiras directivas que tivo Acisa nos seus inicios xa sorteara
unha viaxe a esa illa. E fíxonos ilusión repetir esa experiencia para pechar este ano tan
especial para a nosa asociación”.

Cruzado Iglesias explicou que “hoxe presentamos a campaña da XIV Festa do Comercio,
que se desenvolverá desde este venres, 5 de decembro, ao 11 de xaneiro. Ese día será o
sorteo presencial na carpa situada na Avenida Rosalía de Castro no que repartiremos
6.000 euros en premios, ademais desa viaxe. Co fin de impulsar as compras durante o
mes de decembro e tamén durante os primeiros días das rebaixas de xaneiro as rifas
estarán a disposición dos clientes en todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, indicou que “todas aquelas persoas que fagan as súas
compras no comercio asociado a Acisa Ribadeo recibirán as papeletas para participar no
sorteo. En total póñense en circulación 180.000 rifas, que son 10.000 máis que na
pasada edición, e 30.000 mais que hai dous anos, o que quere dicir que esta actividade
de Nadal é un éxito rotundo pola demanda de rifas que cada ano temos”.

Pérez Prada indicou que “os premios serán repartidos da seguinte maneira: unha viaxe a
Mallorca para dúas persoas durante catro días, un premio de 2.500 euros en vales de compra,
un de 1.500 euros en vales de compra, un de 1.000 euros en vales de compra,
un de 500 euros en vales compra, dous de 250 euros en vales de compra (un deles será
non presencial), un reloxo Time Force modelo Status Chrono e un colgante de prata de lei
exclusivo con madreperla. O premio non presencial será sorteado entre o número total
de papeletas impresas. E o resto de premios sortearanse entre os números que o dia 11
de xaneiro estean depositados na urna que estará situada na mesma carpa”.

E engadiu que “é moi importante destacar que a rifa debe conservarse ata o 11 de
xaneiro e que ese dia pola tarde deberase introducir na urna unha das dúas partes nas
que se divide, e seguir conservando a outra ata a mesma hora do sorteo. Deste xeito,
unha parte estará na urna para poder ser extraída e premiada e a outra quedará con
nós para comprobar se temos o número agraciado. Como sempre insistimos esas rifas
deberán ir debidamente seladas por cada establecemento para ser entregadas aos
clientes”.

Carmen Cruzado manifestou: “esta campaña facémola co fin de dicirlles aos ribadenses,
á veciñanza da comarca e de lugares próximos, que Ribadeo é o mellor lugar para facer
as compras, tomar un viño, encargar as comidas e as ceas de Nadal e desfrutar dunhas
festas diferentes, e así ademais poder gañar un destes premios tan importantes.
Ademais sendo o último evento do 2024 parecíanos interesante darlle un toque extra
nun ano especial como é este no que celebramos o 35 aniversario da asociación. Esta
campaña ademais verase reforzada con outras iniciativas que se darán a coñecer no
vindeiros días”.

A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento “para Be One como patrocinador
principal, para Multitrasteros, Xoiería Azabache e Terra Branca, como empresas
colaboradoras, e para o Concello de Ribadeo, que nos facilitará a carpa e os medios para
a realización do sorteo. Destacar tamén que esta é unha actividade que conta coa
cofinanciación da Xunta de Galicia”.

No acto de presentación da XIV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo participaron a
concelleira de Comercio, Marta Saiz; o CEO de BeOne, Roberto Ramos; o xerente de
Gestión Gratelu, Pablo Posada; así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen
Cruzado e Jesús Pérez.