ACISA SUBLIÑA A PROMOCIÓN TURÍSTICA E O MOVEMENTO ECONÓMICO QUE SUPORÁ PARA A LOCALIDADE O TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL VETERANO VILA DE RIBADEO, QUE SE CELEBRA OS DÍAS 25 E 26 DE MAIO.
Acisa colabora un ano máis co Torneo Internacional de Fútbol Veterano Vila de Ribadeo, que se disputa esta fin de semana os días 25 e 26 de maio. O evento, que chega á súa décimo cuarta edición, traerá á localidade a unhas tres mil persoas, cifra que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos considera moi importante para o movemento que xerarán tanto na hostalería como no comercio desde o venres ata o domingo.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, manifestou que “desde Acisa estamos apoiando un pouco dentro das nosas posibilidades a este grupo de xente que organiza este evento todos os anos. Van catorce edicións e nós o que intentamos, desde o comercio e a hostalaría, é apoialos porque estes veteranos que nos visitan e os seus acompañantes deixan moito diñeiro en Ribadeo, moito movemento e dannos a coñecer ante moita xente, e iso parécenos que é unha das cousas que desde Acisa temos que fomentar”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, subliñou que “son tres mil as persoas que van almorzar, xantar, cear e durmir en Ribadeo, ademais de tomar algo, de mercar algo, de visitar algúns dos lugares máis emblemáticas da nosa vila e do noso concello. Estamos diante dun evento moi importante polo movemento económico que xera durante tres días e tamén a promoción turística que a súa visita supón para Ribadeo. Son 60 equipos os que se van dar cita no Torneo, que terá repercusión non só na nosa localidade, senón tamén nos concellos dos arredores, tanto da Mariña como da veciña Asturias. Son 18 equipos máis neste 2019 que o ano pasado. É un evento que segue medrando e por iso desde Acisa seguimos colaborando”.