ARREDOR DE 20 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS E HOSTALEIROS ASOCIADOS A ACISA VANSE BENEFICIAR DA SOLIDARIEDADE DOS SEUS ARRENDADORES, QUE DECIDIRON EXIMILOS DO PAGO DAS RENDAS DO MES DE ABRIL.
Desde a directiva de Acisa amósanse “moi agradecidos con este xesto dalgúns arrendadores de Ribadeo que lles están comunicando aos seus arrendatarios que non lles van cobrar a mensualidade do mes de abril. Todos e todas estamos a atravesar por uns tempos difíciles, que non sabemos ata canto se van prolongar, de aí que calquera apoio sexa importante. Desde Acisa, e no nome dos nosos asociados e asociadas, queremos darlles ás grazas aos propietarios deses inmobles que acollen a diversos negocios de Ribadeo para súa xenerosidade. Así todos xuntos sairemos antes deste túnel no que nos atopamos”.
Entre os negocios que non pagarán algunhas mensualidades dos seus alugueres atópanse: Texturas Galegas, Mika, Anaís, Xeito, Sargadelos, A Horta de San Roque, Inmoriba e Bar Galicia. Tampouco Acisa terá que pagar o aluguer do seu local, situado na rúa Viejo Pancho, “grazas á solidariedade de Rocío Paz, que entende que si comercios, restaurantes, bares e outros servizos están pechados e o están a pasar mal, esa situación tamén a está a sufrir a propia Asociación de Comerciantes de Ribadeo. Estamos moi agradecidos por este xesto”.
A xerencia de Acisa subliña que “temos tamén casos de asociados e asociadas que non terán que pagar tampouco os alugueres mentres os negocios estean pechados, pero tanto arrendador como arrendatario prefiren manterse no anonimato”.
Desde a directiva da Asociación de Comerciantes, Industrias, Servizos e Autónomos fan un chamamento “aos arrendadores de Ribadeo para que se poñan na pel dos seus inquilinos, que pecharon os seus establecementos para evitar a propagación do coronavirus, que non están a xerar ingresos, pero que seguen a ter gasto. Ademais moitos deles tiveron que prescindir temporalmente do seu persoal. Si todos poñemos o noso gran de area isto serán moito máis facilmente dixerible para a economía local”.
Acisa Ribadeo tamén se dirixe ás administracións: “gustaríanos que as administracións máis próximas cumpran o antes posible cos pagos aos seus provedores, debido á situación excepcional pola que están a atravesar. E pedímoslles tamén tanto ao Concello como ás entidades bancarias flexibilidade á hora de pasar ao cobro os impostos e as liñas de crédito contraídas. Non estamos a dicir que nos deixen de cobrar, pero si solicitamos que se nos dean facilidades”.
E engaden que “compañías como as do gas, as da luz ou as do teléfono deberían ter tamén algún detalle cos seus abonados e abonadas. A maioría son multinacionais e elas si que teñen posibilidade de facer estas cousas”.