As primeiras Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela en Ribadeo

126

As primeiras Xornadas de Exaltación da Merluza de
Burela terán lugar en Ribadeo do 24 ao 26 de novembro. Están organizadas por Acisa
coa colaboración da OPP-7 de Burela. Na cita gastronómica participan 17 locais
hostaleiros.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “do 24 ao 26 de novembro terán
lugar as Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela nas que participarán 17 locais
hostaleiros de Ribadeo, que van ofrecer tapas e pratos preparados con este peixe
capturado polos barcos do porto burelés”.

Cruzado subliñou que “grazas a colaboración da OPP-7 de Burela puidemos desde Acisa
organizar estas xornadas. A OPP facilítanos de forma gratuíta preto de 90 quilos de
merluza do pincho, que imos distribuír entre os bares, mesóns e restaurantes que
participan nesta nova cita gastronómica sen ningún tipo de custe para eles. Cada un vai
recibir 5 quilos.”

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indicou
que “esta é xa a segunda vez que desde Acisa regalamos materia prima para a
elaboración das tapas e dos pratos ás nosas asociadas e asociados, co que pretendemos
deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos, e que marca sen
dubida unha liña de acción da nosa asociación para este tipo de eventos”.

Carmen Cruzado dixo que “se trata dunha achega importante: aportamos aos locais
unha parte do produto que van empregar para elaborar as súas preparacións. Os bares
van ofrecer tapas e os restaurantes diferentes pratos dun produto, a merluza de Burela,
coa que xa contan moitos deles nas súas cartas”.

Segundo explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “as diferentes elaboracións poderán
atoparse nas redes sociais de Acisa uns días antes da celebración destas Xornadas de
Exaltación da Merluza de Burela, para a súa consulta e así coñecer as propostas de cada
local. Son 17 establecementos, tanto de Ribadeo como de Rinlo, co que espallamos esta
cita gastronómica polas parroquias nas que tamén temos asociados de hostalería”.

Carmen Cruzado dixo que “con estas xornadas o que pretendemos é botar unha man e
axudar á dinamización do sector hostaleiro en tempada baixa, previa ao Nadal”. E
animou “á veciñanza de Ribadeo e a de toda a contorna, tanto galega como asturiana, a
saborear as diferentes preparacións elaboradas con este fantástico produto. Agardamos
desde Acisa que sexa unha fin de semana de moito movemento en Ribadeo, xa que
coincidirá con outras importantes campañas”.

Jesús Pérez indicou que “queremos tamén contribuír á concienciación da importancia
de consumir peixe, por saúde e por sabor. E si é peixe do veciño porto de Burela, moito
mellor”.

Os locais participantes son: Queimada, Galipizza, O Lar de Manolo, El Rincón del Gordo,
La Quinta, A Horta de San Roque, Delicatés, O Indiano, La Solana, A Mirandilla, La
Bugalla, Javier Montero, San Miguel, Parador de Turismo, Ramonita, Araucaria e Costa
Verde.

No acto de presentación das Xornadas de Exaltación da Merluza de Burela participaron
o presidente e o xerente da OPP-7 de Burela, Juan José Otero e Sergio López, o xerente
de Absa, Miguel Neira, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e
Jesús Pérez.