Asemblea xeral ordinaria

48
Asemblea xeral ordinaria de Acisa

Na asemblea xeral ordinaria de Acisa, celebrada onte á noite, foron convocadas oficialmente as eleccións para proceder á renovación da xunta directiva. O proceso electoral ábrese o 1 de marzo e o día 12 dese mes ás sete da tarde deberán estar inscritas as candidaturas participantes neste proceso.

Se so se presentase unha única candidatura, de xeito automático se considerará proclamada a nova xunta directiva, que tomará posesión dos seus cargos na asemblea extraordinaria que terá lugar o 19 de marzo ás 20:30 horas. Se houbese dúas ou máis candidaturas o 12 de marzo notificarase aos socios a totalidade das presentadas, que disporán ata o 19 de marzo para conseguir os apoios necesarios. Esa xornada tería lugar a votación, e unha vez realizado o reconto proclamaríase e tomaría posesión a nova xunta directiva.

Desde onte e ata a proclamación da nova xunta directiva a actual permanece en funcións. O presidente, David Martínez, anima aos socios de Acisa “a que dean un paso adiante para formar unha nova xunta directiva”. E subliña que “as contas están ao día e a asociación conta cun xerente que coñece o funcionamento da mesma á perfección”. Martínez quixo “agradecer o traballo realizado por Jesús Pérez durante o meu mandato a si como o do traballador do Programa Ben Empregado, Jose Angel Pombo; e darlle unha vez máis o noso respaldo, o da xunta directiva e o da asemblea ao noso xerente. Realiza un traballo, que ás veces é complicado, xa que ademais do día a día da asociación, tamén é a cara e a imaxe de Acisa ante os propios asociados e asociadas, intentando solucionar os seus problemas e inquedanzas. O seu obxectivo é buscar o maior beneficio para o comercio e para a hostalería asociad@s”.

Na asemblea celebrada onte tamén se falou da VII Gala Anual de Acisa, que se celebrará o vindeiro 16 de marzo ás 21:30 horas no Parador de Turismo de Ribadeo. O prezo das tarxetas é de 25 euros tanto para socios como para non socios e poden adquirirse nas oficinas de Acisa ou no mesmo Parador. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos ultima os preparativos do evento no que serán premiados os propietarios de Ferraxería Morán, de O Bodegón, e de Terra Branca.

Asemblea xeral ordinaria

Acisa contará cun orzamento de ingresos e gastos en 2018 que roldará os 119.000 euros. No capítulo de ingresos figuran as cotas dos asociados e asociados e diferentes subvencións. E no capítulo de gastos os fixos ascenden a uns 37.000 euros e os variables a 82.000 euros. Nesta última partidas están incluídos os gastos nas campañas organizadas por Acisa, os gastos da oficina e os relativos aos premios que se reparten ao longo do ano.

Acisa ten previsto realizar diversas actividades ao longo de 2018, aínda que será a nova xunta directiva a que programe as que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses despois da súa toma de posesión. Antes será a VII Gala Anual de Acisa e a campaña do día pai.

A xunta directiva en funcións tamén fixo balance do ano 2017 e aprobou a súa conta xeral na que os gastos foron 117.000 euros e os ingresos 156.000 euros, co que o exercicio rematou cun saldo positivo de 38.900 euros.

Na asemblea explicaron que “este resultado é positivo porque o ano pasado fóronos ingresadas as subvencións da Xunta de Galicia de 2016 e 2017, algo que non é habitual, xa que a 2017 tocaría cobrala agora no 2018”.

Acisa gastou o ano pasado 51.900 euros nas campañas de dinamización comercial, 2.700 en patrocinios e colaboracións, 9.905 en premios e vales, e 52.000 euros en persoal, seguridade social, impostos, xestión, oficina e diversos servizos ofrecidos aos socios.

E no capítulo de ingresos figuran as cotas dos socios e as subvencións da Xunta, do Concello e do Ben Empregado II e III.