CHEGAN AS NOITES CÁLIDAS DE A.C.I.S.A. RIBADEO, QUE TERÁN LUGAR OS DÍAS 28 DE XULLO E 3 E 10 DE AGOSTO.
HABERÁ OFERTAS E DESCONTOS ESPECIAIS ADEMÁIS DE ACTUACIÓNS MUSICAIS NA RÚA.
Chegan as Noites Cálidas que organiza Acisa Ribadeo e que se desenvolverán os días 28 de xullo e 3 e 10 de agosto. O obxectivo desta campaña pasa por “potenciar as vendas durante o verán nos establecementos asociados, grazas á creación de eventos musicais que animen á xente a vir a Ribadeo. Tamén haberá actividades para os máis pequenos e as tendas terán un horario especial para atender á súa clientela”.
Son arredor de 40 os comercios participantes que abrirán as súas portas ata as dez da noite “para captar aos clientes que volven da praia ou a aqueles que saen de bares á tardiña. Eses tres días haberá ofertas, descontos e promocións especiais e para ambientar estas Noites Cálidas contaremos con diferentes grupos de música, actividades infantís e coa tradicional noite flúor”, segundo explica David Martínez, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos.
O vindeiro venres, 28 de xullo, a tarde noite estará ambientada polo grupo Los Primerizos, que actuarán ás 20 y ás 22:30 horas nas rúas Ramón González e San Francisco, respectivamente; e por Otus Scops, que poñerán a nota musical ás 20:30 horas en Rodríguez Murias e ás 22:30 horas nas inmediacións da praza de abastos.
David Martínez conta que “o 3 de agosto (xoves) dentro das Noites Cálidas celebraremos a tradicional Noite Flúor. A partir das oito da tarde contaremos coa actuación do dúo Upper West Loop no cruce das Catro Rúas; ás nove gozaremos dunha sesión musical a cargo do DJ Cassette na zona vella de Ribadeo, na praza José Mª López. E ese día teremos tamén actividades infantís desde as oito da tarde na rúa Reinante”. O presidente de Acisa subliña que “ese xoves, o 3 de agosto, todos e todas poderán facerse coas pulseiras flúor nos locais participantes”.
As Noites Cálidas rematarán o 10 de agosto. Ese día a partir das 21 horas actuarán os grupos The Keng Song na rúa Rodríguez Murias e Nashvill na rúa Reinante.
Martínez engade: “queremos animar a toda a xente de Ribadeo e a toda a que nos visita durante o verán para que aproveiten as actividades que van atopar pola rúa eses días e sobre todo os descontos e promocións que lles van facer nos 40 locais que se darán cita nestas Noites Cálidas. Será un bo momento para facerse con roupa, calzado e complementos de temporada a prezos máis que interesantes. Queremos converter nunha festa as rúas eses tres días”.