
Acisa Ribadeo presenta unha das novidades deste 2026 dentro do seu calendario de actividades dirixidas ao sector hostaleiro: os San Patrick’s Days, que terán lugar do 13 ao 22 de marzo. Na cita participan 10 locais hostaleiros. Veciños e visitantes poderán gozar de ofertas especiais en cervexa e diferentes propostas gastronómicas.
Durante estes días, os establecementos ofrecerán promocións en cervexas, especialmente de orixe irlandesa, alemá e francesa, ademais de distintas propostas gastronómicas inspiradas na tradición irlandesa, creando así un ambiente festivo arredor do Día de San Patricio, que se conmemora o 17 de marzo.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “hoxe presentamos unha novidade no calendario de actividades de Acisa Ribadeo. Trátase dos San Patrick’s Days, unha iniciativa coa que pretendemos sentar as bases para que en vindeiros anos se poida seguir desenvolvendo, contando con máis establecementos participantes e tamén con máis premios e actividades”.
Cruzado sinalou que “nunha época do ano na que o consumo adoita ser máis baixo é responsabilidade das asociacións comerciais e empresariais impulsar accións de dinamización económica, e neste caso decidimos facelo centrándonos no sector da hostalaría. Aproveitando a celebración do Día de San Patricio o 17 de marzo, quixemos conmemorar esta data tamén en Ribadeo e crear unha proposta diferente para animar á xente a saír, compartir e gozar da nosa oferta hostaleira. Nesta primeira edición, participan dez locais, que ofrecerán cervexas especiais e propostas gastronómicas vinculadas á tradición irlandesa, todo iso acompañado dunha campaña promocional con premios para o público”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña comeza hoxe, 13 de marzo, e prolongarase ata o domingo 22 de marzo. Durante estes días repartiranse 3.000 rifas entre os clientes dos establecementos participantes, que lles permitirán participar no sorteo de tres ceas para dúas persoas. O sorteo, que será o día 23 deste mes, realizarase de forma non presencial mediante un programa de xeración de números aleatorios, e os premiados daranse a coñecer ese mesmo día a través das redes sociais de Acisa Ribadeo e dos medios de comunicación”.
E engadiu: “os premios consisten en tres ceas para dúas persoas, que se poderán desfrutar nos establecementos colaboradores: Kummel, San Miguel e La Solana, aos que desde Acisa agradecemos especialmente a súa colaboración nesta iniciativa. Os premios poderán reclamarse ata o 31 de marzo. As ofertas e rifas poderán desfrutarse nos 10 establecementos participantes: Manhattan, Los Dulces de Delphine, La Solana, El Huerto, Kummel, O Funancho no Camiño, O Indiano, Mareta, A Horta de San Roque e Ribanzo”.

Desde Acisa subliñaron “con esta campaña queremos incentivar o consumo nestes días previos á Semana Santa, que xa está a pouco máis de medio mes. Queremos animar á veciñanza e ás persoas que nos visiten a saír, a desfrutar dos bares e restaurantes de Ribadeo, a celebrar os Día de San Patricio e de San Xosé e a seguir apoiando a hostalaría local. Ademais, esta acción serve tamén como complemento á campaña do Día do Pai, que presentamos hai uns días”.
Os San Patrick’s Days foron presentados nas instalacións de Acisa pola directiva e a xerencia da asociación.
















