Concello de Ribadeo e ACISA asinaron o convenio trianual de colaboración polo que o colectivo empresarial recibirá 60.000 euros para a realización de campañas de dinamización.

17

Concello de Ribadeo e Acisa asinaron o convenio trianual de colaboración polo que o colectivo empresarial recibirá 60.000 euros entre 2026 e 2028 para a realización de campañas de dinamización.

O alcalde, Dani Vega, dixo: “volvemos firmar o convenio de colaboración con Acisa. Outro ano máis vamos aportar 20.000 euros, no ano 2027 serán 20.000 euros e no ano 2028 outros 20.000. Trátase dunha achega directa, con orzamento propio, con fondos propios que aportamos a Acisa. Facémolo porque apostamos polo comercio local, facémolo porque apostamos polo comercio de proximidade e facémolo porque Acisa ten unha coordinación absoluta co Concello. Estamos nese dinamismo constante e permanente, esa actividade que o que fai é de efecto reclamo para que veñan moitas persoas a Ribadeo e compren directamente no comercio, e evidentemente é un dinamismo que queremos seguir facendo”.

O rexedor subliñou que “é un convenio que en poucos sitios teñen esa achega aos comercios de proximidade. Está ben defender o comercio de proximidade, defender ao veciño de palabra, pero tamén con feitos. E con estes feitos creo que acreditamos perfectamente que estamos tendo unha colaboración permanente e co comercio de proximidade, co comercio local e con Acisa en definitiva”.

Vega lembrou: “queremos destacar toda a xestión que está a facer o Concello ante outras administracións. Neste momento, a Xunta de Galicia, aparte de todo orzamento que pon cando Acisa presenta un proxecto, que é recoñecido e premiado, por iso eses 50.000 euros para todas as actividades que houbo no verán. Tamén presentando proxectos en colectivo Concello e Acisa como as bolsas da integración coas que quixemos facer máis próximo o comercio local, facelo para todos, pensando na integración, pensando en que persoas con discapacidade visual tamén teñen que ter unha oportunidade para ir comprar e entender as mensaxes que está enviando o comercio local, que está enviando Ribadeo”.

E engadiu: “tamén estamos tendo esas campañas de Nadal con entrega de bolsas e imos seguir nesa liña de xestión. Non é só o orzamento que aporta o Concello con fondos propios, senón que tamén estamos xestionando moito orzamento que fai que Ribadeo sexa a capital do dinamismo, da actividade e de crear unha vida constante e permanente para promocionar o comercio local, o comercio de todos”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “grazas á sinatura deste convenio poderemos organizar diversas actividades destinadas a dinamizar o comercio, a hostalería e os servizos de Ribadeo, entregar diferentes materiais gratuítos aos nosos socios e socias, e asumir algúns dos gastos de funcionamento da nosa entidade como o aluguer da nosa sede. Estes 60.000 euros repártense en tres anualidades, correspondendo 20.000 euros por ano”.

Cruzado Iglesias agradeceu o apoio das administracións: “sen o fundamental apoio das institucións o futuro das asociacións, coma a nosa, sería moi complicado. Concello e Acisa seguiremos a traballar de forma conxunta co obxectivo de atraer xente a Ribadeo ao longo de todo o ano, e facer que os nosos veciños e veciñas da vila e os das localidades próximas sigan mercando e consumindo en Ribadeo, porque iso redundará de xeito positivo na economía local”. E lembrou que “Acisa organiza arredor de 50 actividades ao ano, coorganiza outras xunto ao Concello de Ribadeo e colabora con moitas asociacións ribadenses, para entre todos contribuír a que esta vila siga a ser un referente comercial, hostaleiro, hoteleiro e de servizos en toda a contorna, tanto en Galicia como en Asturias”.
Asinaron o convenio o alcalde, Dani Vega, e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado. No acto participaron a concelleira de Comercio, Marta Saiz, e o xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.