Concello e ACISA animan a comercio e hostalería a utilizar o servizo de recollida de cartón porta a porta, que está operativo todos os martes e os xoves pola tarde

77

Concello e Acisa animan a comercio e a hostalería a utilizar o servizo de recollida de cartón porta a porta, que funciona todos os martes e os xoves pola tarde. O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, explicou que “o que pretendemos é que entre todos, empresarios, Concello e veciñanza, ofrezamos a mellor imaxe posible de Ribadeo”.

O edil ribadense subliñou que “en Ribadeo contamos desde hai anos cun servizo de recollida de cartón porta a porta, que funciona os martes e os xoves a partir das cinco da tarde. Este servizo está destinado ao comercio e á hostalería locais. É algo exclusivo para eles co obxectivo de facilitarlles as cousas e evitar que teñan que desprazarse a deixar o cartón aos contedores azuis”. O teléfono no que teñen que anotarse é o 664 00 09 32.

Díaz Freije lembrou que “tanto o comercio como a hostalería deben deixar os cartóns, a carón das súas portas, ben pregados e encintados”.

O concelleiro de Medio Ambiente indicou que “o resto da veciñanza ten á súa disposición os contedores azuis para depositar papel e cartón, sempre dobrado para introducilo de xeito máis doado neses recipientes. Así todas e todos aproveitaremos mellor o espazo”.

E engadiu que “o que pretendemos é que entre todos, empresarios, Concello e veciñanza ofrezamos a mellor imaxe posible de Ribadeo. O orde e a limpeza tamén son un polo atraínte de turismo, un sector moi importante para a economía local”.

Desde Acisa o seu xerente, Jesús Pérez, indicou que “levamos tempo traballando conxuntamente co Concello na limpeza viaria e na xestión dos residuos. Todos os nosos asociados e asociadas coñecen que dispoñen dese servizo de recollida de cartón porta a porta dous días á semana. E que si precisan calquera tipo de aclaración o único que teñen que facer é dirixirse a nós, a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo”.

Pérez Prada manifestou que “o que queremos é ter e ofrecer a mellor imaxe de Ribadeo por nós e polos que nos visitan. Esta vila vive moito do turismo, sobre todo no verán, pero tamén o resto do ano, entón debemos intentar facer as cousas o mellor posible”.

Jorge Díaz insistiu tamén en pedirlle colaboración á veciñanza e ao sector hostaleiro: “para que o lixo durante a época estival se deposite nos contedores de orgánico a partires das nove da noite. O obxectivo é evitar cheiros na rúa durante as horas centrais do día, que é cando fai máis calor”.

O edil de Medio Ambiente engadiu que “a maioría cumpre con todas as normativas en vigor, aínda que sempre hai algunha excepción. E é a esas excepcións ás que nos queremos dirixir con este recordatorio”.