Concello e ACISA asinaron o convenio trianual de colaboración para o período 2023-2025, polo que o colectivo empresarial percibirá unha achega anual de 20.000 euros destinados á organización de actividades dinamizadoras do tecido comercial, hostaleiro e de servizos.

56

Concello e Acisa asinaron o convenio trianual
de colaboración para o período 2023-2025, polo que o colectivo empresarial
percibirá unha achega anual de 20.000 euros destinados á organización de
actividades dinamizadoras do tecido comercial, hostaleiro e de servizos. Na
firma participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Comercio, Pablo
Vizoso, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, o xerente da asociación, Jesús
Pérez, e o secretario accidental do Concello, José Rodil. Tamén estivo presente
a axente de desenvolvemento local, Mónica Barcia.

O edil de Economía, Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo
Vizoso, declarou que “o sector do comercio, da hostalería e dos servizos ten un
peso específico no noso concello e actúa como un motor dinamizador da
actividade económica. Partindo desta realidade e co obxectivo de relacionar
aínda máis o sector comercial con outros ámbitos de Ribadeo e que o comercio
da nosa vila se siga caracterizando pola súa proximidade, pola súa diversidade,
pola súa calidade e que busca a suntentabilidade, acordamos Concello e Acisa
unha serie de accións e de colaboracións para o período 2023-2025, que inclúen
unha achega por parte do Concello de 20.000 euros en cada exercicio, para que
Acisa e Concello academos os obxectivos que nos marcamos”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “grazas á sinatura deste
convenio poderemos organizar diversas actividades destinadas a dinamizar o
comercio, a hostalería e os servizos de Ribadeo. Sen o fundamental apoio das
institucións o futuro das asociacións, coma a nosa, sería moi complicado.
Concello e Acisa seguiremos a traballar de forma conxunta co obxectivo de
atraer xente a Ribadeo ao longo de todo o ano, porque iso redundará de xeito
positivo na economía local”.

O edil ribadense lembrou que “o Concello de Ribadeo fai e fixo todo o posible
por estar a carón de Acisa e dos seus asociados e asociadas. E unha boa
mostra deste compromiso é a sinatura deste convenio trianual que se incrementa
en 5.000 euros en cada exercicio con respecto ao convenio anterior”.