Concello e Acisa fan un balance moi positivo do noveno
Ribadeo Indiano, que remataba onte. O alcalde, Dani Vega, subliñou que o impacto
económico achegouse aos catro millóns de euros.
O rexedor declarou: “temos que facer unha valoración moi positiva deste Ribadeo
Indiano, que estivo organizado desde o Concello con Acisa. E tamén temos que dar as
grazas á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo por toda a colaboración e tamén a
todas esas persoas que quixeron colaborar para que isto saíse adiante”.
Vega dixo: “hai que dar as grazas a todos os veciños, porque durante estes días tamén
causamos algún tipo de molestia nos aparcadoiros ou coas rúas cortadas, pero hai que
entender que se trata dun evento importante para Ribadeo desde un punto de vista
cultural, pero tamén desde un punto de vista económico. Podemos estar a falar, con
total tranquilidade, de preto de 4 millóns de euros de impacto económico e isto vai
medrando ano tras ano, polo tanto tamén hai que dar as grazas ás persoas que iniciaron
este proxecto, porque acertaron e Ribadeo goza e ten a sorte de ter un evento tan
importante como é o Ribadeo Indiano”.
O alcalde sinalou que “toda a fin de semana houbo actividades, toda a fin de semana as
rúas estiveron abarrotadas de xente. Falar de éxito é falar dun evento ao que hai que
darlle continuidade, haberá que mellorar cousas… porque niso consiste tamén en que
nos vindeiros anos vaiamos acertando. Estamos moi satisfeitos e contentos deste gran
acto que fixemos durante toda á fin de semana e ao que acudiron moitas persoas a
visitarnos. A promoción turística é moi importante e de nivel. Satisfeitos e co deber
cumprido, pero xa traballando e iniciando o seguinte Ribadeo Indiano”.
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, subliñou que “milleiros de persoas se achegaron a
Ribadeo a gozar deste evento histórico cultural co que rendemos homenaxe á
emigración. As rúas estiveron repletas de xente, que disfrutou de conferencias, de
actuacións musicais, da xinkana, do mercado de ultramar, dos espectaculares haigas, do
festival de habaneras, do xantar campestre na Devesa… unha programación deseñada
para todos os públicos, onde non faltaron os torneos de petanca e de billarda,
os obradoiros de baile… quen veu ao Ribadeo Indiano puido atopar propostas dabondo
para divertirse”.
A edil ribadense contou que “a ocupación hoteleira foi moi alta, bares e restaurantes
traballaron moi ben. Foi unha fin de semana moi importante desde o punto de vista
económico para Ribadeo porque todo o sector servizos se beneficiou positivamente
desta importante cita”.
Marta Saiz tivo palabras de agradecemento: “queremos dar as grazas a todo o persoal
municipal implicado na organización do evento, que traballou día e noite para que todo
estivese a punto para o Ribadeo Indiano e grazas a todo o sector empresarial e a todas
as veciñas e veciños, que se involucran ao cen por cen para que esta celebración vaia a
máis e sexa un éxito. Grazas a todas e todos”.
Recollida de palmeiras
A concelleira de Turismo e Comercio explicou que “hoxe segue o traballo para a volta á
normalidade. Imos recoller as palmeiras que adornaron moitos recunchos e negocios de
Ribadeo. Establecemos tres puntos de recollida: nas inmediacións da praza de abastos,
onde se celebra o Mercado dos Domingos; no parque de San Francisco, a carón da
pantalla informativa; e na rúa San Roque, a carón dos Cocos. Hai que deixalas alí para
que o logo un camión do Concello as poida retirar. Pedimos e agradecemos a
colaboración”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “acupación hoteleira foi moi alta.
Nalgúns casos chegou ao 100% nas noites do venres e do sábado. A hostalería traballou
ata a extenuación, establecendo varias quendas para as comidas e para as ceas, ata
domingo a mediodía. E o comercio, que sempre se beneficia das semanas anteriores
para todos os preparativos de traxes, complementos, etc… tamén vendeu moito esta fin
de semana, tal e como nos comentan varios representantes do sector”.
Cruzado Iglesias destacou que “todo Ribadeo se involucra para que este evento
histórico cultural sexa ano tras ano un éxito. Percorrer as rúas peatonais e comerciais e
ver todos os photocall que fixeron as tendas e nas que milleiros de persoas se
fotografaron estes días… é precioso, porque se converteron nun auténtico reclamo.
Cada vez máis a veciñanza adorna os seus portais, ventás e balcóns con hortensias
enchendo de color esta vila”.
E engadiu que “este municipio retorna ao pasado durante tres días grazas ao traballo e
á implicación de todo Ribadeo: desde a organización, pasando polos empregados
municipais e o persoal de Acisa, ata o sector servizos e as veciñas e os veciños. E iso é o
que fai grande esta cita”.
Sorteo da viaxe a Cuba
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, relatou que “o colofón na xornada de onte puxérono o
concerto do dominicano Vicente García e o sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas,
que mudaron de hora por mor do partido que xogaba a selección española de fútbol. E a
pesares desa coincidencia horaria durante un cuarto de hora mais ou menos a xente
respaldou ambos eventos (concerto e sorteo) e iso é moi de destacar e de agradecer. A
afortunada coa viaxe a Cuba é Elena Fiallega Fernández. A papeleta premiada foille
entregada na Cervecería San Roque”.