Concello e Acisa fan un balance moi positivo do VII Ribadeo Indiano, que concluía onte co concerto da mexicana Lila Downs e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas que lle correspondeu a Begoña Sobrino Gijón. A organización estima que 80.000 persoas pasaron pola vila de venres a domingo

23

Concello e Acisa fan un balance moi positivo do VII Ribadeo Indiano, que concluía onte co concerto da mexicana Lila Downs, que reuniu na rúa San Roque a máis de 15.000 persoas, e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas. A afortunada foi a ribadense Begoña Sobrino Gijón. Segundo os datos que manexa a organización máis de 80.000 persoas se deron cita do venres ao domingo no Ribadeo Indiano, que xerou un volume de negocio de máis de 3,5 millóns de euros. 

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, “dende o Concello de Ribadeo facemos un balance moi positivo desta edición do Ribadeo Indiano de 2022 porque no broche de ouro, no colofón deste evento, no concerto de Lila Downs podemos afirmar que ao mesmo tranquilamente asistiron unas 15.000 persoas. Había moita afluencia na Rúa de San Roque, que ademais desta vez estivo totalmente habilitada para o concerto, pero o certo e que a xente tamén estaba por moitas outras rúas. Aínda que quizás o máis importante sexa que durante toda a fin de semana debería afirmar sen temor a equivocarme que o volume de persoas tanto de Ribadeo como de fora de aquí foi moi superior á pasada edición”. 

O edil ribadense indicou que “o venres pola tarde en diferentes puntos da vila e tamén pola noite no parque notábase a gran afluencia e o gran ambiente, e o sábado practicamente en calquera rúa ou praza de Ribadeo había xente, había ambiente, había animación. Por suposto  tamén o domingo, que normalmente era un día máis frouxo, pero a afluencia foi máis que notable. A ocupación hostaleira rozou case o 100% durante estes días do Ribadeo Indiano e a actividade da hostalería, dos establecementos, do comercio foi moi elevada, así que evidentemente o balance ten que ser totalmente positivo. Estamos moi satisfeitos da organización e da repercusión que este evento ten para Ribadeo”. 

Vizoso Galdo tivo palabras de agradecemento para o persoal do Concello e tamén para Acisa: “quero aproveitar para agradecer a moitas persoas, a todo o mundo, principalmente ao persoal do Concello, aos meus compañeiros e compañeiras de Corporación, a Acisa, e a moitas outras asociacións e agrupacións. Foi un gran número de persoas, que co seu traballo e co seu entusiasmo fixeron posible o que podemos xa considerar como o mellor Ribadeo Indiano ata o día de hoxe. Síntome moi orgulloso de traballar con todo este equipo ao meu arredor”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, comentou que “dende Acisa, tras unha pequena consulta que fixemos, porque non tivemos tempo a máis, podemos falar de que o Ribadeo Indiano 2022 foi o éxito máis grande ata o momento, e que estamos ata incluso asombrados da repercusión lograda. Podemos xa falar de algo máis de 3 millóns e medio de euros de ingresos nos tres días, de persoas que estiveron na actuación si podemos falar de arredor de 15.000. Estamos moi contentos, porque os hoteis rozaron o 100%, a hostalería incluso varios restaurantes chegaron a non cerrar servizos en todo o día, non había sitio para nada, realmente non había sitio para ter máis xente, teremos que buscarnos a vida en próximas ocasións, haber que podemos facer para dar mellores servizos”. 

Onte á noite tras o concerto de hora e media que ofreceu a mexicana Lila Downs, tivo lugar o sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas. A afortunada foi a ribadense Begoña Sobrino Gijón. Iriarte Quintana dixo que “o sorteo de Acisa foi espectacular, o venres non había xa papeletas nos establecementos nosos, puxéronse 100.000 rifas  en circulación para facer o sorteo e quedamos sen elas, e non sei cantas había na urna, pero había moitisimas”. 

E engadiu: “agora solo quedan os agradecementos, que eu quero agradecer a todo o Concello, non me quero esquecer de ninguén e así cúbrome, pero sobre todo a Obras e Medio Ambiente, que estiveron loitando con nosoutros e con todo o que había que facer por aquí. Non quero esquecerme por nada do mundo nin de Begoña, nin de Xera, nin de Hugo, nin de Neves. Tamén quero darlle as grazas ao persoal de Acisa, a Jesús, e a Sierra, a Miguel, a Iriarte, a Suso, a María Novo, e a Fari, porque todos estiveron á altura e por encima do que tiñan que dar. Hoxe témolos a todos traballando outra vez, pero merecen un descanso. Grazas a todos. E a Pablo Vizoso, tamén moitísimas grazas, atendeu todo o que lle pedimos, tanto el como o alcalde, como todos os concelleiros e concelleiras, moitísimas grazas, da gusto traballar desta maneira”.