Concello e Acisa fan un balance positivo de RibaXogo

35
A.C.I.S.A. Ribadeo

CONCELLO E ACISA FAN UN BALANCE POSITIVO DE RIBAXOGO.

DO CENTRO DE OCIO INFANTIL E XUVENIL, INSTALADO NO PARQUE DE SAN FRANCISCO DO 21 DE DECEMBRO AO 6 DE XANEIRO, DESFRUTARON PRETO DE 2.500 PÍCARXS E RAPACES DURANTE ESTE NADAL.

Concello e Acisa fan un balance positivo de RibaXogo. Do centro de ocio infantil e xuvenil, instalado no parque de San Francisco do 21 de decembro ao 6 de xaneiro, desfrutaron preto de 2.500 pícarxs e rapaces durante este Nadal. Os datos provisionais apuntan a unha recadación que supera os 8.400 euros.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, dixo que “o resultado foi satisfactorio por que se venderon preto de 2.500 entradas e, tendo en conta que a maior parte dos usuarios ían acompañados podemos dicir que polo recinto de RibaXogo pasaron unhas 6.000 persoas durante este Nadal”.

O edil ribadense comentou que “aínda se está realizando a contabilidade e non dispoñemos de datos definitivos, pero o que si sabemos é que a recadación supera os 8.400 euros e que a medida que ían pasando os días as entradas bonificadas incrementábanse notablemente polo que podemos afirmar que o obxectivo de atraer visitantes e dinamizar ao comercio de Ribadeo conseguiuse”.

Para Vizoso “si facemos o balance comparando os ingresos cos gastos hai que indicar que este tipo de eventos organízanse sabendo que se incorre en déficit, por que hai partidas de gastos que son necesarias para que todo funcione: subministro de luz, persoal durante case 1 mes, etc. Pero Ribaxogo, ao igual que outros eventos, non se fai para sacar beneficios se non para servir de apoio ao comercio de Ribadeo, atraer xente á nosa vila e dinamizala durante a campaña do Nadal. Deste xeito, o balance é moi positivo”.

O concelleiro de Comercio lembrou que “era a primeira vez que un espazo deste tipo se instalaba en Ribadeo e durante toda a campaña do Nadal. Tiña os seus riscos, pero o resultado é moi satisfactorio e anímanos a seguir organizando eventos e actividades polo ben do comercio e do sector servizos de Ribadeo, colaborando estreitamente con Acisa e atentos a novas iniciativas para que este concello sega a ser un referente en toda a comarca”.

Desde Acisa Ribadeo o seu presidente, Francisco Iriarte, sinalou que “estamos moi satisfeitos coa acollida desta actividade. Ribadeo volveu ser un referente este Nadal para o ocio infantil e xuvenil, grazas a RibaXogo. Estamos moi contentos de cómo se desenvolveu esta actividade, porque as tendas e os bares non deixaban de pedirnos cada pouco tempo mais descontos para entregarlles aos seus clientes, premiando así a fidelidade ao comercio local ribadense. RibaXogo funcionou e iso notouse. Deu gusto ver as rúas ateigadas de xente ao longo deste Nadal, ver o movemento nas tendas, nos bares, nos restaurantes… Acisa e Concello traballamos por e para Ribadeo”.

Pablo Vizoso engadiu que “fixemos tamén un importante esforzo económico no alumeado de Nadal, que se converteu nun reclamo mais en Ribadeo. O noso obxectivo é seguir mellorando ano tras ano para conseguir que cada vez veña máis xente a Ribadeo durante as festas de Nadal, pero tamén ao longo do ano”.