Concello e A.C.I.S.A. Ribadeo asumen neste 2022 a organización do Antroido, ao non haber unha comisión veciñal que se faga cargo do evento. O programa, explican, estará adaptado ás circunstancias da pandemia e ás propias capacidades das entidades organizadoras . Así, actividades como a festa dos feixós, o día do cocho ou a queima non van ser posibles nesta edición.
Nas próximas datas presentarase o cartel e programa deste ano, así coma as bases do desfile.
Concello de Ribadeo e A.C.I.S.A. Ribadeo indican tamén: “A programación está destinada a quen máis goza deste evento, as crianzas da casa, polo que un ano máis esta edición inclúe o baile infantil na sala Rosalar o domingo 27 de febreiro as 17:00 horas. O desfile de Antroido terá lugar o martes 1 de marzo a partir das 17.00 horas e nos días previos haberá animación na rúa.
Nesta edición repartiranse algo máis de 4.000 euros en premios. Destaca o da MASCARITA, personaxe tradicional do Antroido de Ribadeo que se quere rescatar e pór en valor. O seu humor, retranca e interacción coa xente son elementos esenciais e moi propios desta festividade.
Con este premio, por primeira vez cunha importante contía en metálico -300 euros- preténdese contribuír a nutrir o desfile e dotalo do humor e da retranca que tanto se precisa nestes tempos tan influídos pola pandemia. O Antroido de Ribadeo e o seu desfile deben ser unha oportunidade para a alegría, a desconexión e o vínculo con veciños e veciñas e visitantes”.
Canto á organización, engaden: “Ambas entidades, ante a falta de comisión organizadora, decidimos traballar conxuntamente, para que aínda que, con formato reducido e adaptado ás circunstancias da pandemia, a veciñanza poida gozar desta festividade.”
E continúan: “Imos facelo con todo o cariño, ilusión e esforzo, aínda sabendo que o programa vai ser máis reducido do que nos gustaría. Dada a importancia desta celebración aproveitamos tamén para facer un chamamento para que o ano vindeiro sexan os propios veciños e veciñas quen asuman de bo grado a posta en marcha novamente do Antroido ribadense”
No contexto de pandemia no que estamos a vivir e onde debemos conxugar a precaución co lecer, a programación queda supeditada á normativa sanitaria vixente da Xunta de Galicia. Así, podemos avanzar que en prol da seguridade e seguindo os protocolos hoxe vixentes, para o baile infantil, as persoas adultas acompañantes terán que presentar o certificado covid para acceder a sala Rosalar e os nenos e nenas maiores de 6 anos deberán usar tamén máscara. Respecto do desfile, será obrigatorio o uso de máscara tanto para participantes coma para o público, incluíndo as charangas e comparsas.
As bases do desfile a ficha e forma de inscrición faranse público nos vindeiros días. Pero para facilitar e consultar información dende hoxe, poden contactar nos teléfonos 982 131 565 – 128 689 – 120 565 ou nos enderezos, turismo@ribadeo.org ou info@acisaribadeo.es
Por último, lembramos que o antroido é un evento de notable importancia, non só pola vertente lúdica senón tamén pola económica debido á variedade de establecementos que se nutren do goce destas datas.
Animamos a toda a veciñanza a que participe activamente deste antroido 2022, disfrazándose e saíndo á rúa, decorando escaparates, ofrecendo a gastronomía típica destas datas … para derrubar as barreiras que a pandemia instalou nas nosas vidas.
NON HAI FRONTEIRAS!