
En Acisa Ribadeo quedou constituída a comisión da praza de abastos, que terá como obxectivos analizar os problemas, as inquedanzas e as vantaxes deste sector, recentemente adherido ao colectivo empresarial ribadense, así como as actividades organizadas e as que se levarán adiante ao longo dos vindeiros meses.
Forman parte da comisión: Manuel González, presidente da asociación de praceiros; Carmen Cruzado, presidenta de Acisa; Felipe Fernández, secretario da asociación; Manoli Torviso, tesoureira de Acisa; Jesús Pérez, xerente de Acisa; así como Beatriz Acebedo, Alba Rodil e Beatriz Díaz, da praza de abastos de Ribadeo.
Foi o xerente de Acisa o que explicou que “a comisión é un órgano consultivo non vinculante” e que “calquera decisión ou acordo adoptados deberán ser ratificados pola xunta directiva e pola asemblea xeral de Acisa”. E subliñou que “a comisión deberá reunirse ao menos unha vez ao ano”.
A presidenta, Carmen Cruzado, deulles á benvida “a un foro no que agardamos abordar todas aquelas cuestións de interese para o sector”. Esta é a segunda comisión específica de traballo que se constitúe en Acisa Ribadeo. A primeira foi a de comercio, creada o ano pasado.
Cruzado Iglesias indicou: “agardamos ao longo das vindeiras semanas poder crear a de hostalería e hoteis, servizos e industriais. Aproveitamos para facer un chamamento aos negocios asociados para que dean o paso adiante e poidamos contar con estes foros para traballar e cambiar impresións, porque son moi interesantes”.















