
Do 12 de maio ao 23 de xuño Acisa Ribadeo repartirá
15.000 premios nunha nova edición da campaña Rasca e Gaña coa que a asociación
pretende fomentar as compras no comercio local e o consumo na hostalería.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de
Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “presentamos esta campaña, que se vai
desenvolver desde este venres, 12 de maio, e ata o 23 de xuño co obxectivo de
potenciar as vendas neste período do ano, tras a celebración o dia da nai e previo ás
rebaixas de verán. Os premios son moi interesantes e atractivos para a clientela do
comercio, da hostalería e dos servizos de Ribadeo. Saír dun bar cun vale para mercar un
regalo no comercio de Ribadeo ou ir mercar a unha tenda un agasallo e saír cunha
botella de viño para levar para a casa ou cunha cea está moi ben”.
Cruzado Iglesias indicou que “con este Rasca e Gaña tamén lle estamos dando as grazas
á clientela que segue confiando en nos e que seguen mercando en Ribadeo… a todas
esas persoas que apostan polo noso comercio para facer as súas compras e ás que
elixen a hostalería local para as súas celebracións ou para compartir momentos coas
amizades. En definitiva estamos dándolle as grazas aos clientes de sempre, aos clientes
que están a facer que saiamos para diante”.
A presidenta de Acisa deu as grazas “especialmente aos establecementos que doaron
algún premio pola súa xenerosidade. Isto foi posible unicamente grazas a eles, á súa
xenerosidade coa asociación, pero sobre todo cos seus clientes. Son 80 os locais que
están presentes cos seus agasallos neste Rasca e Gaña. Esta campaña ten unha clara
intención, agradecer en forma de premio a fidelidade que están a ter os ribadenses co
comercio e a hostalaría locais”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña estará en todos os
establecementos asociados a Acisa Ribadeo. Póñense en circulación 100.000 rascas dos
que mais de 15.000 conteñen premios, mellorando con creces a edición do 2020 na que
se editaron 15.000 rascas con 1.500 premios. Se xuntamos o valor económico de todos
os premios probablemente esteamos diante da campaña mais importante dos últimos
anos”.
Pérez Prada sinalou que “neses mais de 15.000 rascas premiados hai desde botellas de
viño, ceas, merendas e comidas, menús especiais, cañas, copas, almorzos, cervexas,
descontos en tendas do 5%, 10%, 15%, 20 % e ata do 50 %, promocións 2×1 ou vales de
compra monetarios de 5, 10, 15 e 20 euros. Tamén hai regalos directos, como reloxos,
produtos personalizados, e lotes de verán. Cada negocio asociado a Acisa entregará
entre 100 e 120 premios”.
Sobre a mecánica da campaña Jesús Pérez dixo que é sinxela: “por cada compra poderás
pedir o teu rasca debidamente selado. Estarán dispoñibles dende este o 12 de maio ata
o 23 de xuño ou ata fin de existencias en cada negocio. Se resultas agraciado cun
premio terás que reclamalo no establecemento que che indica o rasca. Os premios
poden reclamarse ata o 23 de xuño e non son acumulables entre eles nin con outras
promocións. As bases da campaña poden consultarse nas redes sociais ou na web de
Acisa e os premios aos que se pode optar tamén se publicarán nas nosas redes.”
O Rasca e Gaña de Acisa conta coa colaboración de preto de 80 establecementos
doadores de premios e está cofinanciado pola Xunta de Galicia.
No acto de presentación participaron varios membros da directiva de Acisa: Manoli
Torviso, Tita Iglesias, Felipe Fernández, José Ramón Leal e Carmen Cruzado, así como o
xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez.