
Todo está listo en Ribadeo para a celebración das xornadas gastronómicas do Antroido, que terán lugar do 13 ao 22 de febreiro. Están organizadas pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) e contan coa participación de 11 establecementos hostaleiros.
A presidenta do colectivo empresarial ribadense, Carmen Cruzado, sinalou que “desde Acisa decidimos apostar un ano mais polas xornadas gastronómicas do Antroido de Ribadeo, que se van celebrar do 13 ao 22 de febreiro, como actividade dinamizadora da nosa hostalería. Con esta iniciativa queremos render homenaxe aos pratos e produtos típicos destas datas: cocidos, freixós, orellas… queremos animar á veciñanza a cumprir coa tradición de celebrar o Antroido con ceas ou xantares de amizades ou familiares, que se reúnen para saborear un bo cocido”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo que “nesta ocasión son 11 os locais participantes, que ofrecerán tapas, racións e menús con preparacións típicas da gastronomía do Antroido. As diferentes propostas poderán atoparse nos seguintes establecementos hostaleiros: La Solana, Barallocas, Ramonita, Aware Café, O Furancho no Camiño, Los Dulces de Delphine, El Huerto, A Mirandilla, Bar La Estación, Mar de Rinlo e Marinero”.
Pérez Prada explicou que “todas as elaboracións poderán consultarse nas redes sociais de Acisa. As propostas van dende cocidos completos, tapas ou racións ata doces”.
Cruzado Iglesias subliñou que “estas xornadas xorden para completar a programación do Antroido ribadense, dar unha oferta mais á nosa veciñanza e aos visitantes para que así gocen nestas datas de todas as propostas salgadas e doces que atoparán na hostalería local. Desde Acisa animámolos a gozar do Antroido, a coller os disfraces e a saír á rúa. Temos uns cantos días por diante, con ponte incluída, para moitas persoas, xa que este martes de Antroido é festivo local en Ribadeo”.















