Do 23 de maio ao 23 de xuño Acisa Ribadeo repartirá
mais de 53.000 premios nunha nova edición da campaña Rasca e Gaña coa que a
asociación pretende fomentar as compras no comercio local.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de
Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou que “presentamos esta campaña, que se vai
desenvolver desde este xoves e ata o 23 de xuño co obxectivo de potenciar as vendas
neste período do ano, tras a celebración o dia da nai e previo ás rebaixas de verán. Os
premios son moi interesantes e atractivos para a clientela do comercio, da hostalería e
dos servizos de Ribadeo. Saír dun bar cun vale para mercar un regalo no comercio de
Ribadeo ou ir mercar a unha tenda un agasallo e saír cunha botella de viño para levar
para a casa ou cunha cea está moi ben”.
Cruzado Iglesias indicou que “con este Rasca e Gaña tamén lle estamos dando as grazas
á clientela que segue confiando en nos e que seguen mercando en Ribadeo, a todas
esas persoas que apostan polo noso comercio para facer as súas compras e ás que
elixen a hostalería local para as súas celebracións ou para compartir momentos coas
amizades. En definitiva estamos dándolle as grazas aos clientes de sempre, aos clientes
que están a facer que saiamos para diante”.
A presidenta de Acisa deu as grazas “especialmente aos establecementos que doaron
algún premio pola súa xenerosidade. Isto foi posible unicamente grazas a eles, á súa
xenerosidade coa asociación, pero sobre todo cos seus clientes. Son 96 os locais que
están presentes cos seus agasallos neste Rasca e Gaña. Esta campaña ten unha clara
intención, agradecer en forma de premio a fidelidade que están a ter os ribadenses co
comercio e a hostalaría locais”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “os rascas estarán dispoñibles nos 96
establecementos asociados a Acisa, que colaboraron doando algún premio. Póñense en
circulación 125.000 rascas dos que mais de 53.000 conteñen agasallos, mellorando
moito a edición do ano pasado na que se editaron 100.000 rascas con 15.000 premios.
Se xuntamos o valor económico de todos os premios probablemente esteamos diante
da campaña mais importante dos últimos anos”.
Pérez Prada sinalou que “neses mais de 53.000 rascas premiados hai desde botellas de
viño, ceas, merendas e comidas, menús especiais, cañas, copas, almorzos, cervexas,
descontos en tendas do 5% ao 50 %, promocións 2×1 ou vales de compra por importe
de 5, 10, 15 e 20 euros. Tamén hai regalos directos, como reloxos, produtos
personalizados, e lotes de verán”.
E engadiu que “a mecánica da campaña é sinxela. Por cada compra un cliente poderá
pedir o seu rasca debidamente selado. Se resulta agraciado cun premio terá que
reclamalo no establecemento que lle indica o rasca. Os premios poden reclamarse ata o
23 de xuño e non son acumulables entre eles nin con outras promocións. As bases da
campaña poden consultarse nas redes sociais ou na web de Acisa así como os premios
aos que se pode optar”
O Rasca e Gaña de Acisa conta coa colaboración de 96 establecementos doadores de
premios e está cofinanciado pola Xunta de Galicia.
A campaña foi presentada pola presidenta, a vicepresidenta e o xerente de Acisa,
Carmen Cruzado, Virginia Eceiza e Jesús Pérez.