Domingueo en Ribadeo

145

DOMINGUEO EN RIBADEO

ESE É O SLOGAN ELIXIDO POR A.C.I.S.A. PARA A NOVA CAMPAÑA DESEÑADA CO OBXECTIVO DE FOMENTAR AS COMPRAS E AS VISITAS Á VILA DURANTE OS DOMINGOS

A.C.I.S.A. pon en marcha unha campaña para fomentar as compras e as visitas a Ribadeo durante as xornadas dos domingos. Domingueo en Ribadeo, ese é o slogan elixido pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos para animar as mañás dominicais.

O presidente de A.C.I.S.A., David Martínez, explica que “o que queremos é que a xente teña moi presente que os domingos pola mañá, desde hai moitos anos, o comercio de Ribadeo abre as súas portas para facilitarlles as compras. Queremos que os veciños e veciñas da comarca da Mariña, do Occidente asturiano, e tamén doutros puntos como Lugo, Avilés ou Xixón, por exemplo, veñan tomar uns viños, vermús, que veñan tomar o aperitivo ou xantar á nosa hostalería, que veñan mercar roupa, agasallos, complementos ou mesmo a prensa ou o pan ao nosos locais asociados. Calquera día é bo para vir a Ribadeo, pero os domingos son excelentes para vir de Domingueo”.

Martínez engade que “por iso pensamos en levar adiante esta campaña durante algunhas semanas. Ribadeo está moi preto de Lugo ou de Xixón… nunha hora ou hora e cuarto pódese chegar á nosa vila para aproveitar os domingos, sobre todo agora que chega o bo tempo e que os días son máis longos. Animamos a toda a xente a achegarse a Ribadeo, estamos seguros de que tanto o noso comercio como a nosa hostalaría os van sorprender”.

Curso de inglés

A.C.I.S.A. organiza cursos de formación para os seus asociados. Xa se celebrou un de empaquetado hai uns días e agora da comezo outro de inglés. Desenvolverase os luns deste mes de maio: 8, 15, 22 e 29 entre as 11:00 e as 13:00 horas.

David Martínez indica que “se trata dun curso de oito horas no que se ensinará aos asociados a defenderse nese idioma, de cara ao trato co cliente ou co provedor, con frases tipo e expresións do sector. Ademais os asistentes recibirán un dossier ao finalizar o curso para que poidan recorrer a el cando o precisen”.

acisaribadeo-noticias-cursos-asociados-empaquetado-idiomas-20170428-01