En Ribadeo dan comezo as rebaixas de verán e ACISA ambientará as rúas os primeiros días con música.

49

En Ribadeo dan comezo as rebaixas de verán. Os
negocios da vila ofrecen interesantes descontos e Acisa ambientará as rúas os primeiros
días con música.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Jesús
Pérez, manifestou que “aínda que ata o dia 1 de xullo non se da por inauguradas
oficialmente as rebaixas, visto que moitas marcas nacionais adiantaron unha semana
esta cita, dende Acisa quixemos dar comezo un pouco antes a este período de
descontos comerciais. Por iso dende este luns damos por inauguradas oficialmente as
rebaixas en Ribadeo, moitos comercios xa as adiantaron uns días, e outros estano a
facer nesta semana. Durante xullo e agosto centos de negocios terán grandes descontos
e múltiples artigos de tempada a prezos moi interesantes, polo que animamos á
veciñanza e aos visitantes a aproveitar esta gran cita”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que “nesta campaña de rebaixas coma
noutras, desde Acisa apoiamos aos nosos negocios con materiais gratuítos, que xa foron
repartidos, como cartelería anunciadora das rebaixas, tarxetas co antes e o despois da
aplicación dos descontos correspondentes, así coma con publicidade en medios e redes
sociais”.

Cruzado Iglesias dixo que “tras a boa acollida da novidade do ano pasado para este
período de rebaixas, este ano quixemos volver imitar ás grandes superficies e poñer un
fío musical os primeiros días de rebaixas que animen á cidadanía, veciñanza e visitantes,
a mercar en Ribadeo. Este fío musical comezará o venres, 30 de xuño, e prolongarase
durante a primeira quincena das rebaixas. A través da megafonía nas rúas escoitarase
unha selección musical, aproveitando que o Ribadeo Indiano nos levará un ano máis a
Cuba. Será en horario de 18:30 a 21:30 horas de luns a venres. E as fins de semana
ampliarase para dinamizar esas horas nas que a xente regresou da praia, sae tomar algo
e pode animarse a mercar”.

Pérez Prada engadiu: “como sempre dicimos Ribadeo é o mellor centro comercial
aberto, e queremos demostralo dando os mesmos servizos que as grandes áreas
comerciais das cidades, por iso queremos recordar tamén aos nosos asociados e
asociadas que para esta temporada de verán que xa comezou, dispoñen de múltiples
materiais gratuítos que poden solicitarnos como bolsas para o comercio, envases de
comida para levar para hostalaría ou mapas turísticos e pases para visitar as Catedrais
destinados aos hoteis. Así como os propios materias de rebaixas para comercio”.