Entregado o premio non presencial da XII Festa do Comercio de ACISA Ribadeo. O afortunado con 250 euros en vales de compra é un veciño da localidade asturiana de Tapia de Casariego.

39

Hoxe foi entregado o premio non presencial da XII
Festa do Comercio de Acisa de Ribadeo. O afortunado con 250 euros en vales de compra
é un veciño da localidade asturiana de Tapia de Casariego. Manuel Ángel Pérez López
disporá de dous meses para poder gastar o seu premio nos locais asociados a Acisa.

En total a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos repartiu 4.000
euros en vales de compra na XII Festa do Comercio, que se celebrou o pasado 14 de
xaneiro nunha carpa instalada no parque de San Francisco, “unha cita que reuniu a
milleiros de persoas despois de dous anos sen poder realizarse por mor da pandemia da
covid”, explicou o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Os premios repartidos entre catro afortunadas ribadenses foron: 1 de 2.000 euros, 1 de
1.500 euros, 1 de 500 euros e 1 de 250 euros, que foron entregados o día do sorteo.
“Quedaba por aparecer o premio non presencial. Manuel Ángel Pérez púxose hai uns
días en contacto con nós e hoxe recibiu o seu premio, 250 euros en vales de compra
para consumir no comercio, na hostalería ou no sector servizos de Ribadeo”, engadiu
Pérez Prada.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou: “na asociación estamos encantados
de ter entregado todos os premios postos en xogo na XII Festa do Comercio. É unha
pequena axuda para os negocios locais, aos que as afortunadas e o afortunado se
dirixirán a realizar as súas compras ou a gozar da hostalería local”.

Cruzado Iglesias animou “á xente de Ribadeo e da contorna a seguir apoiando e
apostando polo comercio local. Os pobos precisan negocios para ter vida propia e o
noso pobo, afortunadamente, segue sendo un polo de atracción para as emprendedoras
e os emprendedores”. E engadiu: “con todas e todos eles agardamos contar en Acisa
Ribadeo. Sempre é un bo momento para asociarse e pasar a formar parte da grande
familia desta asociación e así beneficiarse de todas as campañas organizadas, dos
convenios asinados e do asesoramento diario que lles ofrecemos ás empresas socias”.