Este mediodía rematou o prazo de presentación de candidaturas para renovar a Xunta Directiva de ACISA Ribadeo

34

Ás 14:30 horas deste xoves, 14 de xullo, rematou o prazo de presentación de candidaturas para proceder á renovación da xunta directiva de Acisa Ribadeo. E so se presentou unha, a encabezada por Carmen Cruzado. 

Segundo anunciou o xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, “ás dúas e media do mediodía deste xoves, 14 de xullo, remataba o prazo de inscrición de candidaturas para renovar a xunta directiva de Acisa Ribadeo. Rematado este período so se presentou unha candidatura, que foi rexistrada o pasado martes a primeira hora. Os seus integrantes son: Carmen Cruzado Iglesias, propietaria de Faro Norte Comunicación, como presidenta; Virginia Ezeiza Baltar, propietaria do Gastrobar Mareta, como vicepresidenta; Manuela Torviso Pérez, propietaria de Lencería Torviso, como tesoureira; Felipe Fernández Barcia, propietario do restaurante A Horta de San Roque, como secretario; José Ramón Leal Segura, propietario da galería Terra Branca, como vocal; e Álvaro Suarez Cernuda, propietario de Coco y Jatay, como vocal”.

Pérez Prada engade que “a candidatura compre cos requisitos estatutarios precisos, nela represéntanse os tres principais sectores da asociación e ademais será a primeira directiva de Acisa que teña como presidenta e vicepresidenta a dúas mulleres”.

O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo indica que “ao terse presentado unha única candidatura o vindeiro xoves, 21 de xullo, ás 20:30 horas na asemblea xeral extraordinaria de Acisa procederase á proclamación e toma de posesión da mesma e desde e mesmo día terá a plena capacidade de obrar como tal”.