Éxito da campaña de fidelización de A.C.I.S.A. Ribadeo, que concluiu onte co sorteo de 1.000 euros euros en vales de compra.
Na carpa de Acisa instalada no parque de San Francisco tivo lugar na tarde-noite de onte o sorteo de 1.000 euros en premios dentro da campaña de fidelización que se desenvolveu do 15 de maio ao 15 de xullo. Foron arredor de 20.000 as papeletas repartidas polos establecementos asociados durante este tempo entre as persoas que mercaron ou consumiron nos seus locais. Todos dispuxeron dunha horas na xornada de onte, sábado, para depositar as súas papeletas perfectamente cubertas cos seus datos na furna instalada na carpa e para asistir despois ás 21:30 horas ao sorteo, que presentou o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
Nun cuarto de hora desenvolveuse o sorteo, que foi seguido por centos de persoas, e foron entregados os premios aos afortunados e afortunadas. Un dos premios de 150 euros en vales de compra foi para María A. Fernández Álvarez, cunha papeleta que lle foi entregada no bar Portillo, de Rinlo; o outro premio de 150 euros en vales de compra foi para Manuel Vidal Cima, grazas a unha papeleta do restaurante A Dorada do Cantábrico; o premio de 200 euros en vales de compra correspondeulle a Marta Mª Saiz García, cunha papeleta de boutique Valentina; e o premio de 500 euros en vales de compra levouno Domingo Martínez Díaz, cunha papeleta de Glass.
Os premios foron entregados polo presidente de Acisa, David Martínez, e por Ramón Loredo e Manuel Vázquez, directivos da asociación. Dous nen@s ribadenses, coas súas mans inocentes, foron os encargados de extraer as papeletas premiadas.
Acisa agradece “á hostalaría e ao comercio local a súa implicación con esta campaña, que foi un éxito, debido ao grande número de papeletas que se repartiron e ás que entraron no sorteo celebrado onte. E tamén grazas a toda a fiel clientela dos nosos asociados e asociadas. Animámolos a que sigan mercando en Ribadeo, a que sigan Domingueando en Ribadeo, a que tomen os aperitivos aquí e a que saboreen tamén a exquisita gastronomía desta zona. E tamén é moi importante que estean atentos as campañas que Acisa pon en marcha ao longo de todo o ano”.