Éxito da VIII Festa do Comercio

367

ÉXITO DA VIII FESTA DO COMERCIO NA QUE ACISA RIBADEO REPARTIU 5.000 EUROS EN VALES DE COMPRA PARA GASTAR NO COMERCIO E NA HOSTALERÍA LOCAIS. A ASISTENCIA MASIVA DE PÚBLICO SUPEROU TODAS AS PREVISIÓNS REALIZADAS.

Cinco mulleres e un home foron os gañadores dos 6 premios que se sortearon na VIII Festa do Comercio de Acisa, que se celebrou o pasado sábado.

A gañadora do premio non presencial, dotado con 1.000 euros en vales de compra, foi para Isabel Iriarte, de Ribadeo, co número 77.857. A papeleta foi entregada no restaurante Marinero. A afortunada atopábase nas inmediacións do parque de San Francisco, de aí que xa acudise a recoller o seu agasallo. O número premiado foi elixido mediante un programa informático entre os 200.000 repartidos entre a clientela do comercio e da hostalería ribadense. Foi tal a incidencia deste premio que “desde onte estamos a recibir chamadas de teléfono de toda España preguntándonos polo resultado do sorteo. Este é un indicativo máis de que Ribadeo segue a ser un referente para quen nos visita e fai as súas compras aquí e tamén o atractivo que ten un premio non presencial de 1.000 euros en vales de compra”, subliñan desde Acisa.

Os dous premios de 250 euros foron tamén para dous ribadenses: Isaac Rodríguez e Sofía Folgosa, coas papeletas premiadas 23.996 e 111.220 entregadas respectivamente no bar Queimada e en Folder. O premio de 500 euros recaeu no numero 146.185 e a afortunada foi Marta Muñiz, tamén de Ribadeo. A papeleta foille entregada no bar Queimada. Os 1.000 euros en vales de compra da modalidade presencial tamén quedaron na vila de Ribadeo, nas mans de María Antonia Barcia, posuidora da papeleta numero 186.844, entregada na Farmacia Álvarez Lebredo. E o premio gordo, dotado con 2.000 euros en vales de compra tamén foi para unha veciña de Ribadeo Olga Rivas. A papeleta premiada foi a 157.161 entregada tamén pola Farmacia Álvarez Lebredo.

Os afortunados teñen dous meses para gastar os premios: “agardamos que sexan moitos os socios e socias de Acisa os que se beneficien dos devanditos premios”, sinalan desde a Asociación de Comerciantes de Ribadeo.

No sorteo tamén se deu a coñecer o fallo do xurado do concurso de cartas e debuxos Queridos Reis Magos. Os gañadores foron Violeta Loredo e Javier Ferreiro, que recibiron como agasallos dous xoguetes de Din y Don e Bis a Bis, xogueterías asociadas. Estes rapaces foron os encargados de extraer as papeletas premiadas da urna na que foron depositadas durante toda a tarde do sábado.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, sinalou hoxe que “aínda que estamos moi satisfeitos do sorteo, temos que facer autocrítica; contabamos con mais de 350 cadeiras para que a xente estivera sentada, un numero maior que as que hai no Cine Teatro, e cun espazo para estar de pe na carpa estimado en torno a 1.000 persoas. As nosas previsións non foron suficientes, moitísima xente quedou no exterior da carpa e os que estaban mais lonxe dela tiveron algunha dificultade para seguilo. Preto de 3.000 persoas se achegaron ao parque de San Francisco para seguir este importante sorteo de premios, quedámonos curtos nas previsións realizadas polo que pedimos desculpas e tomamos nota para o próximo ano, para tentar que estes errores non volvan producirse”.

Pérez engadiu que “houbo dous establecementos que repetiron premio. O ideal sería que cada premio o entregase un negocio diferente, pero hai que recoñecerlles unha gran labor, porque se comprabas neles sempre che daban rifas e cando as acababan pedíannos mais. Por iso estamos contentos, era do que se trataba, de premiar a compra dos teus clientes. Álvarez Lebredo repartiu dende o 1 de decembro mais de 9.000 rifas e o bar Queimada mais de 4.000. Se facemos unha media entre os que mais entregaron e os que menos sáennos en torno a 1.300 rifas por socio; pero tamén temos que dicir que houbo negocios que entregaron so 500. Cantas máis rifas entregas máis posibilidades tes de repartir sorte entre os teus clientes”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, manifestou: “estamos moi contentos, queremos dar a noraboa ás premiadas e ao premiado, e tamén aos establecementos que entregaron as rifas gañadoras”. E subliñou que “xa contamos con datos que nos permiten dicir que foi unha campaña mellor da que se esperaba, unha campaña boa. As rifas da Festa do Comercio esgotáronse, un total de 200.000; os tíckets desconto da pista de xeo, 10.000 esgotáronse antes do día de reis; as case 20.000 bolsas de ACISA tamén se acabaron tras a demanda dos nosos socios; e os datos que nos trasladan estes sobre como foi a campaña son bos”.

Iriarte referiuse á campaña de sensibilización realizada hai unhas semanas: “non sabemos se a campaña de concienciación de fai uns meses tivo algo que ver, pero este ano repartíronse o dobre de rifas para este sorteo, o que quere dicir que se mercou mais en Ribadeo”.

Tanto o presidente coma o xerente de Acisa destacan “a labor do persoal do Concello de Ribadeo na preparación das instalacións así coma no transcurso do sorteo, foi moi importante para nos; tamén agradecemos a labor de El Farero Audiovisuales, que estivo á fronte da realización da gala, así coma de Daniel Prieto, que nos axudou o longo do dia, e de Carmen Cruzado, encargada de presentar o sorteo da VIII Festa do Comercio.