Fin de semana intenso para o comercio e a hostalería ribadense e nova sede ACISA

131
Fin de semana intenso para o comercio e a hostalería ribadense e nova sede ACISA

FIN DE SEMANA INTENSO PARA O COMERCIO E A HOSTALERÍA RIBADENSE CO REMATE DA CAMPAÑA ACISA PREMIA A TÚA FIDELIDADE, QUE COINCIDE ESTES DÍAS COS PREZOS ARDEN. ADEMAIS OS NENOS GOZARÁN MAÑÁ DUN OBRADORIO INFANTIL

Fin de semana intenso para o comercio e a hostalería ribadense co remate da campaña Acisa premia a túa fidelidade, que coincide desde hoxe e ata o domingo con Os prezos arden. Ademais os nenos e nenas gozarán mañá dun obradoiro infantil.

Acisa Ribadeo organiza mañá, sábado, un obradoiro de aprendizaxe sobre o comercio local dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. A actividade, que será gratuíta e se desenvolverá de 11:30 a 14:00 horas, terá lugar no centro de ocio infantil Con Sentidiño, asociado a ACISA Ribadeo, na rúa Ramón González, 32-baixo.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliña que “o obxectivo é ensinar aos máis pequenos a importancia de mercar no comercio local e as diferenzas que hai cando mercas no teu pobo con outras formas de comprar. Grazas aos profesionais do centro infantil, a actividade será moi dinámica, divertida e dará a oportunidade aos participantes de aprender moito sobre o comercio local”.

Esta actividade coincide coas dúas campañas que ten en marcha estes días Acisa Ribadeo. Desde hoxe e ata o domingo celébrase a segunda edición da campaña Os prezos arden na que participan 35 establecementos. Estes locais ofrecen interesantes promocións e descontos aos seus clientes que oscilarán entre o 10 e o 50%. E estamos tamén nas últimas xornadas da campaña Acisa premia a túa fidelidade, que rematará co sorteo de 600 euros en premios entre aquelas persoas que fixeran as súas compras nos establecementos asociados entre os días 1 e 25 de xuño. O primeiro premio será de 300 euros en vales de compra e haberá outros dous de 200 e 100 euros respectivamente.

Iriarte indica que “as papeletas que reparten os establecementos comerciais teñen que quedar neses locais para que o persoal de Acisa pase recollelas ao longo dos días 26 e 27 de xuño”. E xa o 28 será o sorteo non presencial. O seu resultado seralle comunicado por Acisa ás persoas afortunadas para que pasen a recoller os seus premios.

O presidente de Acisa lembra que “estamos nunha importante fin de semana para o comercio, pero tamén para a hostalería. Animamos a todo o mundo a celebrar a noite máxica de San Xoán como se merece, nas múltiples fogueiras que fan as asociacións ribadenses e a gozar despois da noite na hostalería asociada. Desexamos que esta benvida ao verán sexa moi especial”.

Estas campañas foron presentadas polo vicepresidente de Acisa, Juan Andina, e por Leopoldo Trénor, vogal do colectivo empresarial.

Traslado de sede

Acisa Ribadeo traslada a súa oficina a partires do vindeiro luns, 25 de xuño, á rúa Viejo Pancho, 13, en pleno casco histórico da localidade. O xerente, Jesús Pérez, explica que “atopámonos en pleno traslado. Agardamos estar traballando a pleno rendemento nesta nova ubicación a finais da vindeira semana”. E Francisco Iriarte destaca que “era vontade da nova directiva trasladarnos a un lugar máis céntrico e máis accesible tanto para os socios e socias, como para os clientes dos seus negocios ou mesmo para quen nos visita durante todo o ano, porque en ocasións tamén facemos labor de promoción e información sobre hoteis e restaurantes. Hai xente que se achega a nós en demanda de datos sobre lugares nos que poder durmir ou comer”.

O presidente de Acisa engade que “o obxectivo deste cambio é mellorar o servizo que prestamos e estar máis preto da rúa e da xente”. O noso horario seguirá a ser o mesmo ao igual que o noso correo electrónico e o noso teléfono 982 120 565.