
Foi presentado o cartel do VIII Ribadeo
Indiano, que organizan o Concello e Acisa e que terá lugar do 7 ao 9 xullo.
O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “presentamos hoxe a imaxe
da nova edición do Ribadeo Indiano, na que levamos traballando dende hai
tempo coa intención de seguir espallando polo mundo adiante esta fabulosa cita,
que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán en Galicia e
no resto do estado. Xa vamos pola oitava edición, que se desenvolverá do 7 ao
9 de xullo, e como é habitual as antevésperas e as vésperas arrincarán antes
con propostas moi interesantes”.
A edil de Cultura, Pilar Otero, explicou que “a oitava edición do Ribadeo Indiano
virá cargada de novidades. Esta festa histórica, que rende homenaxe ás nosas
familias emigrantes, supérase ano a ano tanto no referente á cantidade de
persoas que se achegan á nosa vila para gozar desta cita, como tamén nas
actividades organizadas. Cada edición vai a máis e nesta agardamos sorprender
á nosa veciñanza e aos visitantes”.
Desde Acisa, a súa presidenta, Carmen Cruzado, dixo que “estamos a falar da
fin de semana máis importante do ano para a hostalería e para o comercio e
duns días moi fortes para os aloxamentos, sobre todo de Ribadeo, pero tamén
doutros concellos tanto de Galicia como da veciña Asturias. O que se pretende
desde a organización é que durante as fins de semana de xuño se respire xa
ese ambiente e que a xente de Ribadeo e de fora de aquí se vaia impregnando
da cultura indiana”.
Vizoso Galdo manifestou: “Acisa e Concello traballamos intensamente para
pechar canto antes o programa do Ribadeo Indiano 2023. Agardamos poder
adiantar xa algunhas das propostas en breve”.
E Otero Cabarcos engadiu: “toda a información que vaia xurdindo estará a
disposición da veciñanza na páxina web do Ribadeo Indiano e nas diferentes
redes sociais deste evento e do noso Concello”.
No acto de presentación do cartel do VIII Ribadeo Indiano participaron os
concelleiros de Turismo e Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, así como a
presidenta, o secretario e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Felipe
Fernández e Jesús Pérez.