Intensa axenda de actividades de A.C.I.S.A. Ribadeo para os últimos meses do ano

84
Intensa axenda de actividades de A.C.I.S.A. Ribadeo para os últimos meses do ano

INTENSA AXENDA DE ACTIVIDADES DE ACISA RIBADEO PARA OS ÚLTIMOS MESES DO ANO

EN NOVEMBRO TERÁ LUGAR UNHA NOVA EDICIÓN DAS XORNADAS GASTRONÓMICAS ASTURIAS EN RIBADEO E CHEGARÁ TAMÉN O BLACK FRIDAY

A xunta directiva de Acisa ultima os detalles das campañas que se desenvolverán en Ribadeo ata finais de ano. Do 2 ao 4 de novembro terá lugar unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo e do 22 ao 25 dese mes celebrarase o Black Friday.

Na reunión mantida esta semana pola xunta directiva de Acisa acordouse continuar cun traballo intenso para tentar que o peche do ano sexa positivo e fíxose balance da repercusión que o turismo tivo para o comercio e a hostalería ribadense: “aínda que o mes de xullo foi bastante frouxo con respecto a anos anteriores, agosto cumpriu coas expectativas que nos realizamos, sobre todo para os hoteis e restaurantes da nosa vila. Setembro tamén estivo ben, pero debemos traballar para mellorar o impacto turístico no comercio e nos bares. É certo que puidemos ver as rúas de Ribadeo ateigadas de xente durante as fins de semana dese mes e con moi bo ambiente os días laborables, pero temos que seguir loitando para que setembro sexa un mes importante para todos os nosos asociados e asociadas”. E subliñan que “agora toca traballar porque temos por diante un longo outono inverno, pero desde Acisa temos programadas xa varias actividades ata mediados de xaneiro”.

En outubro o día 13 terá lugar o sorteo da FCAM no parque de San Francisco, no que se porán en xogo 1.500 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados a Acisa.

Do 2 ao 4 de novembro chegará unha nova edición das xornadas gastronómicas Asturias en Ribadeo “co fin de potenciar a hostalería e tamén ao comercio, nunha ponte que soe traer moitos visitantes a Ribadeo. Trátase tamén de render homenaxe á veciña Asturias, xa que centos de persoas se desprazan as fins de semana ata Ribadeo para facer as súas compras, para pasear e tomar os viños e xantar na nosa vila”. Durante esas datas haberá actuacións musicais para animar as xornadas gastronómicas en varios puntos de Ribadeo.

Tamén en novembro chegará o Black Friday: “este ano como novidade a duración desta campaña en Ribadeo será de catro días do 22 ao 25 de novembro. Haberá importantes descontos co obxectivo de potencias as compras no comercio local e próximo de Ribadeo, fronte ás grandes áreas ou plataformas de venda on line”.

Desde agora e ata finais de ano Acisa seguirá a promocionarse fora do municipio coas campañas Ribadeo, o centro comercial coas mellores vistas e Domingueo en Ribadeo. Desde a directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indican que “con ambas campañas o que buscamos é atraer clientes e visitantes a Ribadeo sobre todo de outubro a Semana Santa, xa que despois desas datas o normal é que comece a chegar o turismo internacional a esta zona, os peregrinos, etc…”.

Por último, a campaña de Nadal de Acisa Ribadeo desenvolverase do 1 de decembro ao 12 de xaneiro, data na que se celebrará a tradicional Festa do Comercio: “en Acisa optamos por realizar unha campaña especial, de renome, que chame a atención pola contía dos premios que poñeremos en xogo. Queremos manter como única campaña propia durante as vindeiras navidades a Festa do Comercio, na que imos sortear un total de 5.000 euros en premios, a maioría no sorteo presencial, pero tamén haberá un premio de 1.000 euros, que será non presencial, para incentivar aos clientes doutras vilas e cidades a facer as súas compras en Ribadeo durante esas datas, de xeito que se fidelicen con nós. Ademais senón están en Ribadeo o 12 de xaneiro terán a posibilidade de facerse cun importante premio”.

Alerta

Por outra banda desde Acisa advirten da presenza dunha muller alta, delgada e pelo longo negro, de nacionalidade rumana, que hai uns días entrou nun establecemento asociado “pedindo que se firmasen algo e nun momento de despiste achegouse á caixa rexistradora e levou a recadación que alí había nese momento. A Garda Civil e a Policía Local están tentando dar con esta persoa. Desde Acisa o que lles recomendamos aos nosos asociados é que teñan precaución e que estean atentos por si alguén deste perfil entra no seu local. Chegado o caso pregámoslles que se poñan en contacto coas forzas de seguridade”.