Máis de 30 preparacións diferentes se poden degustar ata o domingo en Ribadeo nas I Xornadas da Cabala, que organizan Acisa e a OPP-7 do Porto de Burela.

42

Arrincaron este venres en Ribadeo as Xornadas da
Cabala, que organiza Acisa coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela. 21 locais
hostaleiros ofrecerán ata o vindeiro domingo máis dunha trintena de preparacións
(tapas, racións ou menús) elaboradas con este peixe de tempada.

Ata Ribadeo se desprazou este mediodía o conselleiro do Mar, Alfonso Villares,
acompañado polo alcalde, Dani Vega, e polas concelleiras de Turismo, Cultura, Benestar
Social e Atención Cidadá, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Montse Seijo.
Xunto a eles estiveron a presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e
Jesús Pérez, que animan “a aproveitar esta ponte das Letras Galegas para saborear as
exquisiteces que ten preparada a hostalería asociada”. E agradeceron “a colaboración,
unha vez máis, da OPP 7 Porto de Burela, que nos entregou de xeito gratuíto 90 quilos
de cabala para levar adiante estas xornadas gastronómicas”.

Acisa lembra que “todos os establecementos hostaleiros participantes nestas xornadas
e as súas propostas gastronómicas poden consultarse nas nosas redes sociais”.
O colectivo empresarial tamén tivo palabras de agradecemento para o conselleiro do
Mar, Alfonso Villares, por achegarse hoxe a estas primeiras Xornadas da Cabala, “que
poñen en valor o noso traballo e sitúannos como un referente no sector hostaleiro”.