Mañá, 12 de novembro, ACISA Ribadeo imprate unha charla formativa sobre as novidades normativas ás que se enfrentarán empresas e autónomos en 2026.

17

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo impartirá mañá, 12 de novembro, ás 20:15 horas unha charla formativa dirixida a empresas e autónomos, na Aula da Casa da Cultura de Ribadeo (Rúa Vello Pancho, 12). Na cita abordaranse as novidades normativas que entrarán en vigor en 2026.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou: “queremos que os nosos socios e o resto de empresas de Ribadeo dispoñan das ferramentas necesarias para adaptarse a tempo ás novas obrigas legais. Esta charla será unha oportunidade para resolver dúbidas e coñecer de primeira man o que implican as novas normativas, que entrarán en vigor en 2026. Con ela respondemos a unha necesidade clara que desde Acisa Ribadeo cremos que temos, que é a formación continua e o asesoramento ás nosas empresas nas materias que lles afectan de forma directa”.

Cruzado Iglesias lembrou que “seguimos apostando pola formación desde Acisa. Xa o fixemos cos cursos de inglés, de escaparatismo e empaquetado e continuamos mañá con esta charla, que organizamos coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia. Será impartida pola consultora A Mariña Asesores, empresa ribadense asociada a Acisa, con grande experiencia no sector”.

O xerente de Acisa explicou que “baixo o título Novedades normativas 2026: cómo afectarán a tu negocio’, a sesión abordará os principais cambios legais que entrarán en vigor nos próximos meses e que impactarán directamente na xestión dos negocios locais. Os tres principais bloques a tratar son: factura electrónica obrigatoria, pagos e cobros mediante Bizum e rexistro de xornada laboral. A asistencia é gratuíta e está aberta a todas as persoas interesadas, aínda que se recomenda confirmar a participación previamente contactando con Acisa en info@acisaribadeo.es.”

E engadiu: “con esta iniciativa buscamos anticiparnos e preparar o tecido empresarial ribadense ante os cambios normativos de 2026, ofrecendo información práctica e actualizada para facilitar a súa adaptación”.

Nova axuda da Xunta
O xerente do colectivo empresarial ribadense contou que “hai uns días vimos de recibir unha nova subvención da Xunta de Galicia, grazas á que contaremos cun novo traballador durante os próximos nove meses. Esta subvención está destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. O total da axuda é de 16.500 euros, coa que se cobren os custes laborais da persoa traballadora”.

Pérez Prada dixo que “esta nova axuda é de vital importancia para Acisa Ribadeo. No noso día a día hai moitas tarefas e servizos que desenvolver e ás veces non podemos chegar a todo. Con este novo traballador ofrecermos mellores servizos e atención aos nosos socios e socias e axilizaremos o traballo interno de Acisa”.

E finaliza; “O novo traballador incorporarase este xoves, 13 de novembro, e formará parte do equipo técnico de ACISA e, entre outras funcións, encargarase de visitar os negocios asociados para entregar materiais, ofrecerá atención telefónica aos socios e prestará apoio nas tarefas de xestión e coordinación da xerencia. Dende ACISA Ribadeo agradecemos o apoio da Xunta de Galicia e da Unión Europea, e reafirmamos o noso compromiso de seguir mellorando a atención, os servizos e o acompañamento ás nosas empresas asociadas.”