Mañá, xoves, é o último día para poder adquirir as entradas da VIII Gala de ACISA que se celebra o venres no Parador de Turismo de Ribadeo

109

Todo está listo para a celebración da VIII Gala de Acisa, que terá lugar este venres, día 22, no Parador de Turismo de Ribadeo. Trátase dunha cita especial porque supón a conmemoración do 30 aniversario de creación da asociación e a entrega dos galardóns a toda unha carreira a catro coñecidos empresarios, que se xubilaron nos últimos meses.

A VIII Gala de Acisa dará comezo ás 21:30 horas. Previamente haberá un photocall “para que todos e todas os que desexen teñan un recordo da velada. Animamos a todos a asistir con tempo suficiente para facer as fotos e aproveitar e intercambiar impresións entre os asistentes”, explican desde a directiva de Acisa. E lembran que “esta cita é aberta a todo o público que queira acompañar aos homenaxeados nesta edición e aos asociados e asociadas da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos”.

O grupo La Malquerida amenizará a velada. “Trátase dun grupo que xa pasou polo Ribadeo Indiano e tamén estivo con nós na Noite Cálida, organizada por Acisa, o pasado verán. Quixemos que estivesen con nós na Gala deste venres, porque nos consta o que gusta escoitalos”, engaden desde Acisa.
Os galardóns a toda unha carreira serán entregados a Ramona Reigosa García, de Bar A Ribeira, José Luis Botana Veiguela, de Calzados Botana, a Ramón Leivas Lavandeira, do concesionario Ford en Ribadeo, e a Carmen Valdés Múñiz, de Perruquería Carmen.

Xa confirmaron a súa asistencia á VIII Gala de Acisa, entre outros, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Martínez, o presidente da Deputación, Darío Campos, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, e o presidente da Federación de Comercio A Mariña, José Carlos Paleo.

A venda de entradas para asistir á Gala anual de Acisa aínda se pode realizar ata mañá nas oficinas da asociación, na rúa Viejo Pancho 13-baixo, ou en Gráficas Ribadeo, na rúa San Roque, 30.

A cea consistirá nun primeiro prato de conchas do peregrino recheas de froitos do mar, un sorbete servido por cortesía do Parador de Turismo, morcillo de tenreira estofado con pataca noisette e de postre browni con noces e xeado de turrón. O prezo é de 30 euros e os asistentes levarán ademais un recordo de conmemoración do trinta aniversario de Acisa.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, anima a asistir a esta cita: “cúmprense 30 anos da creación da nosa asociación , 30 anos de vida e de traballo. E penso que é un bo momento para departir, para cambiar impresións, para deixar as nosas empresas por unhas horas e compartir unha velada agradable entre todos e todas as asistentes. Queremos celebrar que somos empresarios, comerciantes, hostaleiros, que traballamos día a día para sacar adiante os nosos negocios. Un día ao ano temos dereito a celebrar o que somos. Merecémolo”.

A Gala de Acisa será conducida pola xornalista Carmen Cruzado.