As Asociacións de comercio da Mariña unímonos á campaña posta en marcha pola Deputación
“Merca en Lugo polo Nadal, porque na nosa provincia temos de todo e do mellor”
A campaña que se presentou en Lugo esta semana, fará o propio en Viveiro o mércores 21 de Decembro ás 11:00 horas, na Rúa Pastor Diaz.
É a campaña de sensibilización cidadá que pon en marcha a Executivo da Deputación para potenciar o tecido empresarial da provincia. Busca fomentar as compras nos establecementos dos 67 Concellos lucenses durante ditas datas festivas.
O sector do comercio dá emprego a unhas 12.500 familias da provincia, nos máis de 5.000 establecementos que se distribúen no conxunto do territorio lugués, cunha media de 2,5 traballadores por negocio. Ademais, as compras polo Nadal supoñen o 25% do total das vendas anuais, chegando ata o 35% en locais de perfumería ou maquillaxe.
O Vicepresidente Álvaro Santos destaca que “Tendo en conta todas estas cifras oficiais, e cando o comercio representa o 14% dos postos de traballo da nosa provincia, cremos que é necesario concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos comercios que temos ao pé da nosa casa, que axudan a dinamizar a economía da nosa provincia”.
A Federación de Comercio da Mariña unirá unha vez máis os seus asociados para apoiar esta campaña con carteis pegados nos comercios asociados e o mércores 21 en Viveiro sairemos á rúa, como acto simbólico, en apoio ó comercio local.