O 14 de xullo terá lugar o sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, que se realizará no marco do Ribadeo Indiano. ACISA repartirá 160.000 rifas entre os clientes dos locais asociados desde o vindeiro venres, 21 de xuño.

249

Os establecementos asociados a Acisa repartirán 160.000
rifas entre o 21 de xuño e o 14 de xullo, xornada na que terá lugar o sorteo da viaxe a
Cuba no marco do Ribadeo Indiano 2024. Será tras o remate do concerto que Vicente
García ofrecerá na rúa San Roque.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, manifestou: “dende Acisa quixemos poñer os
máximos recursos posibles a disposición dos nosos socios e socias para contribuír a
facer o mellor Ribadeo Indiano posible e deste xeito dinamizar a economía local. E por
iso neste 2024 volve o sorteo dunha viaxe para dúas persoas a Cuba. Somos conscientes
do éxito que tivo esta iniciativa De Ribadeo a Cuba nas edicións pasadas e consideramos
que non podía faltar este ano. Será a cuarta vez que desde o Ribadeo Indiano enviemos
ás Américas a unha parella no mes de setembro. Dende Acisa estamos a traballar para
premiar e fidelizar as compras na nosa vila nunha época na que comezan as rebaixas e
aumenta a afluencia turística e sen dubida este sorteo axuda”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a viaxe que se sortea é para dúas persoas
e será para desfrutar do 8 ao 15 de setembro de 2024. O premio cubre o vo Madrid-
Habana-Madrid, así como as estancias en hoteis de 5 estrelas (aloxamento e almorzo)
tanto en La Habana como en Varadero, o visado a Cuba e o seguro básico de viaxe,
entre outros complementos extra”.

Pérez Prada indicou que “participar no sorteo é moi sinxelo. As rifas estarán a
disposición dos clientes nos establecementos asociados a Acisa do 21 de xuño o 14 de
xullo. O único que teñen que facer é pedir as rifas tras o gasto realizado. As papeletas
deberán ir debidamente seladas polos establecementos. O sorteo De Ribadeo a Cuba
será presencial o dia 14 de xullo tras a actuación de Vicente García. É moi importante
destacar e incidir en que a rifa debe conservarse ata o mesmo 14 de xullo e que ese día
de 12 da maña a nove da noite, as persoas que teñan rifas no seu poder, deberán
introducilas na urna que estará instalada fronte aos Cocos. Na urna deberá quedar a
parte pequena da rifa co selo do establecemento e haberá que conservar a parte grande
para o sorteo. Non serán validas as papeletas sen o selo dos negocios. As bases do
sorteo están dispoñibles na web e redes sociais do Ribadeo Indiano e de Acisa. Tamén
figurarán na rifa e no cartel identificativo dos establecementos asociados as normas
básicas”.

O xerente de Acisa engadiu: “este ano editáronse 160.000 rifas, son 10.000 mais que o
ano pasado debido ao éxito do sorteo. Sendo moi prudentes, facendo unha media de 4
rifas por compra e unha media de 40 euros de valor de cada compra estariamos a falar
de que so co sorteo estariamos xerando 1.600.000 euros de impacto na economía local
de Ribadeo nas tres semanas que dura campaña”.

Cruzado Iglesias, a presidenta do colectivo empresarial, tivo palabras de agradecemento
para as administracións e para os patrocinadores: “quero agradecer de forma especial,
en primeiro lugar ao Concello de Ribadeo, co que seguimos a coorganizar o Ribadeo
Indiano e que continúa confiando nesta actividade tan exitosa e á Xunta de Galicia,que
cofinancia esta acción de dinamización comercial. E tamén quero dar as grazas aos
nosos patrocinadores, de forma moi especial, a Cervexas Alhambra, que colabora co
Ribadeo Indiano na súa liña de compromiso por apoiar todas aquelas experiencias
únicas pensadas para desfrutar sen prisa e dedicando a cada cousa o tempo que se
merece; ao Banco Sabadell e a Caixa Rural, que afianzan e aumentan a súa colaboración
con nos, e a Vitaldent e o Restaurante Marinero, que se incorporan como
patrocinadores do Ribadeo Indiano nesta edición. Sen a súa inestimable axuda non
poderiamos poñer en marcha este sorteo”.

A presidenta de Acisa subliñou: “dende Acisa Ribadeo queremos resaltar o noso
compromiso coa organización do Ribadeo Indiano e como consecuencia co traballo en
estreita colaboración co Concello de Ribadeo para levalo a cabo. Ambos aportamos o
que somos capaces, cada un dende as súas posibilidades, para levar a cabo un gran
evento que dinamice a economía local e fomente o turismo neste municipio”.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, indicou que “o Concello e Acisa traballamos desde
hai meses estreitamente na organización do Ribadeo Indiano, que será unha cita moi
especial neste 2024. Contaremos cun amplo programa de actividades, que xa están en
marcha coas vésperas e as anvésperas, das que xa gozaremos estes días e ata a primeira
fin de semana do mes xullo. O programa deste ano inclúe importantes novidades como
a merenda campestre e o concerto de Roi Casal en Pedro Murias o día 6 ou o espazo
gastronómico do que disporemos no centro social para poder atender á grande
demanda existente do 12 ao 14 de xullo e que a maioría da xente que veña ao Ribadeo
Indiano esas xornadas sen reservas previas poida comer aquí, sen necesidade de ter que
desprazarse a outros lugares. Este importante evento culminará no barrio indiano de
San Roque co concerto de Vicente García e co sorteo da viaxe a Cuba para dúas persoas
o día 14”.

A edil ribadense engadiu que “contaremos con alicientes dabondo do 12 ao 14 de xullo
para celebrar ao grande o noveno Ribadeo Indiano. Atoparémonos polas rúas, polas
prazas, polas casas de comidas e de bebidas e por calquera recuncho da nosa vila”.
No acto de presentación do sorteo da viaxe a Cuba participaron a presidenta, o
secretario e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús
Pérez, a concelleira de Turismo, Marta Saiz, así como Jesús González, responsable do
Banco Sabadell en Ribadeo e José Luis Puente, xestor comercial de Alhambra.

BASES SORTEO 
NORMAS SORTEO