O 23 de xuño remata a campaña do Rasca e Gaña de
Acisa Ribadeo. Ata ese día pódense reclamar os premios. A asociación ribadense fai un
balance moi positivo da súa acollida.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “este venres finaliza a nosa
campaña de dinamización comercial Rasca e Gaña, e queremos recordarlles aos nosos
veciños e veciñas que se gardan nas súas casas algún rasca con premio teñen ata este
venres, 23 de xuño, para poder desfrutalo. Despois desa data as tarxetas premiadas
caducarán e os premios non poderán ser reclamados. Esta gran campaña comercial que
puxo en marcha Acisa hai algo mais dun mes, poñía en xogo 15.000 premios, dos que xa
foron entregados unha parte moi importante. Para nos sería un éxito absoluto que
todos os agasallos fosen entregados ao longo desta semana que queda de campaña”.
O xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de
Ribadeo, Jesús Pérez, dixo que “nesta campaña repartimos 100.000 rascas, dos que
15.000 contiñan premios. Sumando o valor de todos eles calculamos que puxemos en
xogo premios por valor de mais de 180.000 euros. Temos que destacar, segundo nos
indican os negocios, que esta campaña foi un éxito. En primeiro lugar conseguimos o
obxectivo fundamental, que era facer unha gran campaña de publicidade e promoción
aos nosos socios e socias e conseguir que os veciños e veciñas, tanto da vila como da
comarca, coñeceran as tendas, entraran, probaran e mercasen grazas a que lles tocase
un premio nese local. Moitos negocios indicáronnos que recibiron moitos novos
clientes, e moitos contábannos que moitos dos habituais animáronse a facer algunha
compra non prevista grazas aos premios desta campaña. En cifras calculamos que o
impacto económico foi maior do inicialmente esperado e que superamos os 2 millóns de
euros de movemento económico xerado grazas ao Rasca e Gaña”.
A presidenta de Acisa tivo palabras de agradecemento: “queremos darlles as grazas a
todos os establecementos que participaron na campaña doando os mais de 15.000
premios, tamén á Xunta de Galicia pola co financiamento desta actividade e sobre todo
aos milleiros de clientes que durante estas semanas fixeron as súas compras no
comercio asociado a Acisa Ribadeo. O éxito desta campaña foi grazas á súa confianza”.