O 65% do comercio asociado a Acisa abrirá as súas portas este sábado, 15 de agosto, festivo nacional

153

O 65% DO COMERCIO ASOCIADO A ACISA ABRIRÁ AS SÚAS PORTAS ESTE SÁBADO, 15 DE AGOSTO, FESTIVO NACIONAL. E O DOMINGO, COMO É HABITUAL, ESTARÁN ABERTOS O 100% DOS LOCAIS.

O 65% do comercio asociado a Acisa abrirá as súas portas este sábado, 15 de agosto, festivo nacional. E o domingo, como é habitual, estarán abertos o 100% dos locais.

Desde a directiva de Acisa sinalan que “aqueles que se acheguen a Ribadeo esta fin de semana poderán, entre outras cousas, aproveitar para facer as súas compras no noso comercio asociado. O 65% dos locais comunicáronnos que abrirán as súas portas o 15 de agosto, que é festivo nacional. Xa o domingo, como é habitual, estarán abertos o 100% dos locais. O 16 de agosto é o Día de San Roque, copatrono de Ribadeo, e ao coincidir en domingo esta celebración o festivo pasouse para o martes de Entroido. Entón, insistimos en que o vindeiro domingo todo funcionará con normalidade en Ribadeo”.

A directiva da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos anima “a visitar Ribadeo esta fin de semana e así aproveitar para mercar roupa, calzado, artigos deportivos ou de praia, agasallos, complementos, produtos de informática, etc. O que se achegue á nosa vila poderá atopar de todo”.

Desde a xerencia de Acisa, Jesús Pérez, indica que “esta semana desde a asociación, ao non tratarse o 15 de agosto dun día de peche obrigado, consideramos oportuno facer unha consulta entre os nosos asociados e asociadas para saber aqueles que abrirían as súas portas. Despois de comprobar que a porcentaxe era elevada, consideramos oportuno promocionar que en Ribadeo esta fin de semana estaremos abertos para recibir aos turistas e aos veciños e veciñas de toda a comarca mariñá e asturiana”.

E subliña que “queremos facer fincapé en que o 16 de agosto tamén estará aberto o comercio, xa que este ano non é festivo local o día de San Roque por coincidir en domingo, e moita xente cre que si”.

O presidente do colectivo empresarial ribadense, Francisco Iriarte, insiste en que “é importante que desde Acisa difundamos ao máximo a apertura dos nosos negocios este sábado porque a lei así o permite. Moitas e moitos así nolo estaban a pedir, xa que o pasado 25 de xullo tivemos que pechar porque a lei así o dicía. Estamos nuns meses e nun verán atípico e temos que aproveitar para traballar sempre que sexa posible”.