O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance positivo da marcha da campaña das panchas, a moeda local ribadense

186

ADQUIRIDOS NUNHA SEMANA 900 PACKS DE PANCHAS. CONCELLO E ACISA FAN UN BALANCE POSITIVO DA ACOLLIDA QUE ESTÁ A TER A MOEDA LOCAL RIBADENSE.

O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance positivo da marcha da campaña das panchas, a moeda local ribadense, xa que nunha semana foron adquiridos 900 packs, que poderán ser gastadas no comercio, na hostalería e nalgúns servizos ata o vindeiro 1 de decembro.

O rexedor dixo que “esta iniciativa singular e ambiciosa que estamos a levar adiante desde o Concello de Ribadeo, coa colaboración tamén importante de Acisa e de ABanca, está indo moi ben, porque os datos que me pasan, desde a entidade bancaria, é que xa foron vendidos uns 900 packs de panchas desde que iniciamos a campaña hai unha semana”.

Para Suárez Barcia: “isto supón que o público, tanto de Ribadeo como de fora de Ribadeo, xa ten adquirido un 25% aproximadamente do total dos 3.700 packs, significando que aínda quedan practicamente seis semanas máis, tanto para adquirir as panchas como para gastalas nos establecementos de comercio e de hostalería de Ribadeo participantes”.

O alcalde subliñou que “temos que lembrar a importancia e a oportunidade marabillosa de mercar máis por menos aquí en Ribadeo, xa que ao comprar un pack de 30 euros de custo, con esta iniciativa, entregamos 40 panchas para mercar e asumindo esa diferenza de 10 euros o Concello de Ribadeo, cun custo para o Concello, soamente para esta actividade, duns 37.000 euros”.

O rexedor engadiu que “esta iniciativa, de complexo funcionamento pero de resultados penso que moi bos, está animando ao consumo local, nestes momentos complicados para o sector servizos de Ribadeo, especialmente comercio e hostalería, pero tamén é un reclamo, un acto de reafirmación, de pensar en local, de consumir en local e de facer as compras nas tendas de proximidade”.

Fernando Suárez animou “desde o Concello a todos os veciños e a todas as veciñas, sexan de Ribadeo como de Cervo, de Navia como de Burela, de Taramundi como de Trabada, para que aproveiten esta iniciativa tan positiva que estamos desenvolvendo aquí en Ribadeo”.

Desde Acisa Ribadeo o seu presidente, Francisco Iriarte, fai tamén un balance moi positivo “da acollida que están a ter as panchas nesta segunda edición” e subliña que “desde hoxe todos os luns e todos os xoves en horario de 9 a 14 horas os establecementos participantes na campaña, sexan socios ou non de Acisa, poden achegarse ao Concello a validar as súas panchas e cambialas por euros. Persoal da nosa asociación estará nas dependencias municipais para atendelos ata mediados do mes de decembro. Desde a asociación aumentamos así a nosa dispoñibilidade e os nosos servizos en tempos difíciles e complicados”.