O Antroido adiántase en Ribadeo e da comezo o 3 de febreiro. Por diante haberá tres fins de semana de actividades.

23

O Antroido adiántase en Ribadeo e da comezo o 3 de febreiro. Por diante haberá tres fins de semana cargados de actividades.

O obxectivo da organización “é enxalzar o Antroido tradicional, a súa esencia, baseada en tres figuras características desta celebración en Ribadeo: a Mascarita (ese personaxe espontáneo, satírico e humorístico tan propio do noso acervo cultural e tan esquecido ao mesmo tempo,)  o días do Cocho e da Queima. Queremos centrarnos nestes elementos diferenciadores e relevantes da tradición carnavaleira ribadense”, subliñou a concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz.

A edil contou que “a programación arrincará o día 3 de febreiro coa celebración da Gala do Antroido, que estará dedicada á música e na que participarán moitas asociacións e colectivos de Ribadeo. O día 4 terá lugar unha homenaxe a Alfonso Rodil e a todas aquelas persoas que formaron parte de diferentes comisións organizadoras e que xa non están entre nós. Tamén será homenaxeado Secundino Balsa, unha persoa que representou o espírito e a esencia do Antroido ribadense”.

Saiz dixo que “outra das citas que se reforzará neste 2024 é a festa do freixó, que se desenvolverá os días 3, 4, 10 e 11 de febreiro en diferentes localizacións da vila. O día 10 pola noite haberá un sorteo de agasallos entre todas as persoas que salgan disfrazadas á rúa. O 11 será o día do cocho e da mascarita. No Cantón tamén está previsto un sorteo entre as mascaritas que acudan ao encontro. Esa xornada celebrarase o baile infantil de disfraces”.

A concelleira de Comercio e Turismo contou que “neste 2024 recupérase a cena do Antroido, que terá como protagonista o tradicional cocido e que convocará a toda a veciñanza nunha carpa instalada no Campo de San Francisco. Isto será  o luns día 12. O martes terá lugar polas rúas de Ribadeo o desfile  a partir das 17:30 horas. Nesta edición, para fomentar a participación, increméntase o número de premios así como as contías en varias modalidades (comparsas, carrozas…) grazas á achega de establecementos comerciais da vila. O Antroido 2024 rematará o 17 de febreiro coa Queima a carón da estación de autobuses de Ribadeo”.

Saiz engadiu que “queremos que o Antroido de Ribadeo vaia a máis cada ano. Agradecemos a participación e a colaboración das distintas asociacións e colectivos que se sumaron para poder elaborar este amplo programa, que ampliaremos en datas próximas”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, destacou que “esta ampliación do programa do Antroido de Ribadeo, que se prolongará durante tres fins de semana creará moito ambiente na nosa vila e iso repercutirá de xeito positivo na nosa hostalería. Estamos en tempo de cocidos e freixós, de compartir risas, tradicións e gastronomía. Toca preparar os disfraces, as mascaritas… e encher de color e diversión as rúas de Ribadeo. No comercio local poderemos atopar todo o que precisamos para lucir como se merece neste Antroido de 2024. Animamos á hostalería a elaborar propostas gastronómicas típicas destas datas para así trasladar ese ambiente de festa aos seus locais e que todas e todos as poidamos saborear”.

E engadiu: “agradecemos ao Concello de Ribadeo o traballo realizado e que conte coa colaboración, un ano máis, de Acisa nesta tradicional cita”.