O Antroido ribadense profundiza un ano máis na recuperación e posta en valor das súas figuras tradicionais e diferenciadoras: a Mascarita, a Comparsa do Cocho e a Queima

38

Como novidade este ano haberá dous grandes sorteos e o incremento do número e contía do premios do desfile, que se celebrará o 13 de febreiro. O programa de actividades desenvolverase do 3 ao 17.

O Concello organiza o Antroido 2024 en Ribadeo coa colaboración de Acisa e de diversas empresas, asociacións e colectivos ribadenses. O cartel xa foi presentado.

Coa idea de dinamizar diversos espazos da vila como o da zona vella, o sábado 10 de febreiro a 01.00 da madrugada terá lugar o sorteo de tres grandes premios: 2000 euros en metálico doados polas charangas Aturuxo e A Choca, 500 euros en metálico doados polos locais da zona vella Ribadeo e 200 euros en vales de compra, doados por ACISA Ribadeo.

Non menos importante será o premio que se reparta o domingo 11, Lardeiro, o día máis tradicional do Antroido ribadense, e que ten como protagonistas á Comparsa do Cocho e a figura da Mascarita. Ir vestido de Mascarita será precisamente a chave para poder optar a unha viaxe para dúas persoas ao Carnaval dos Indianos de Santa Cruz de La Palma 2025 e unha noite nun Parador de Turismo para dúas persoas por cortesía de Paradores Ribadeo.

O 10 e 11 de febreiro os establecementos de hostalería adheridos repartirán entre a súa clientela, que acuda disfrazada, as rifas para estes sorteos.

A Antroido 2024 recupera tres citas importantes: a primeira é a Festa do Freixó, que se poderán degustar as fins de semana do 3 e 4 e 10 e 11 de febreiro; a Gala do Antroido, o 3 de febreiro ás nove da noite no Cine Teatro. Estará dedicada á música e nela terán un papel protagonista entidades locais como a EMMeD, a Banda de Música e a Coral Polifónica, acompañadas de amantes do carnaval que se sumarán á festa; e volve tamén a entrañable Cea de Antroido. Terá lugar o luns 12 ás 21 horas na carpa instalada no Campo de San Francisco, amenizada polo grupo Pantera Rosa e a música dun DJ. Os tíckets poderán recollerse nos establecementos O Xardín, Galipizza, A Cova, Bar Galicia e O Fuso.

A organización tamén destaca o incremento e contía dos premios do desfile do Martes de Carnaval cun importe de 6.900 euros, dos que as entidades colaboradoras (Donapubli, Aquí Diario, Rotugraf Ribadeo, Serigrafía Eo, GestiónGratelu, Espectáculos Pico, Be One, TopCad,
Coto Estudios y Construcciones , Gráficas Ribadeo, Comisión de Festas e Congelados Silvent) achegan 2.400 euros. Como en anos anteriores, o desfile sairá da Avda. Rosalía de Castro ás 17.30 horas. Nesta edición, antes da entrega de premios ofrecerase unha chocolatada aos participantes na carpa do Campo de San Francisco, doada por Clun e Chocolates Moreno.

A organización convida tamén a asistir ao tradicional Baile infantil no Rosalar o domingo 11, que este ano contará coa actuación do grupo Dino Rockys.

O Antroido 2024 rematará coa tradicional Queima o 17 de febreiro. A comitiva fúnebre acompañada de viúvas e viúvos e das charangas de Ribadeo A Choca e Aturuxo sairá desde a Casa do Concello ás 21.00 horas. A parte máis emotiva deste programa terá lugar o domingo 4 ás 18.00 horas na Gala Homenaxe In Memoriam en recordo a todas as persoas impulsoras do Antroido de Ribadeo, que xa non están con nós.

Por último, a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz, quere agradecer “a colaboración de entidades, empresas e veciñanza a título particular que colaboran de xeito desinteresado nesta festa que é de todas e todos os ribadenses e sen cuxa achega non sería o noso Antroido. Animamos a toda a veciñanza e visitantes a que se una a nós nesta celebración”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “por diante temos tres fins de semana de actividades na rúa, que contribuirán a dinamizar a hostalería e o comercio de Ribadeo. Toca remexer nos baúis, desempoar traxes e máscaras e disporse a gozar do Antroido ribadense”.