
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu por primeira vez en Galicia unha mesa local de comercio. Foi á celebrada no Concello de Ribadeo esta mañá e na que tamén participaron o alcalde, Dani Vega, as concelleiras Marta Saiz e Montse Seijo, o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, a directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e o xerente deste colectivo empresarial, Jesús Pérez.
A visita do conselleiro deu comezo coa firma no libro de honra do Concello de Ribadeo. Seguiu coa mesa de comercio na que o xerente de Acisa fixo un relato da evolución da asociación ao longo dos últimos dez anos, presentou un balance das actividades realizadas en 2025 e a programación para o ano en curso. Tamén interviñeron na mesa o alcalde, a concelleira de Comercio, a presidenta de Acisa, o director xeral de Comercio e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración.
González Vázquez dixo que “Ribadeo por moitas razóns, polo bo funcionamento do Centro Comercial Aberto, de Acisa, é un referente dalgunhas das cousas que queremos impulsar desde a Consellería sobre todo no que se refire á dinamización do comercio. Vimos de constatar o bo funcionamento o ano pasado de todas as campañas que se fixeron desde a asociación e pensamos que neste 2026 Ribadeo volverá ser un foco de atención comercial no conxunto de Galicia”.
Vega agradeceu a visita realizada hoxe a Ribadeo: “aquí a Xunta está a cumprir unha misión moi importante, que é a colaboración económica para ter actividade”. E subliñou que “o concepto dinamismo crea riqueza directa aos comercios. O traballo conxunto entre Acisa e o Concello están dando resultados. Fainos falla orzamento, estámolo a conseguir a través do conselleiro e do director xeral, o relevo xeracional do que estivemos a falar é fundamental e imos traballar nesa liña tamén. Somos clave dentro de todo o territorio entre Galicia e Asturias como ese punto de encontro, esa capital do comercio, e temos que aproveitalo”.
Carmen Cruzado e Jesús Pérez valoraron “de xeito moi positivo esta mesa local de comercio, a primeira presidida por un conselleiro, agradecer a súa presenza e a do director xeral hoxe aquí e poñer en valor o traballo que fixemos ao longo do último ano. Falar de emprendemento, falar do comercio local foi o que fixemos esta mañá. Queremos agradecer a colaboración de todas as administracións con Acisa Ribadeo para que poidamos levar a cabo todas as actividades que desenvolveremos durante todo o 2026”.
A comitiva visitou despois a Praza de Abastos de Ribadeo e tivo a posibilidade de presenciar a actividade da Gastropraza, que nesta mañá de sábado alí se celebrou co tofu como protagonista. E despois achegáronse a varios negocios locais como Bolsos Núñez, Naná, By Hortensia e Lento para coñecer de preto o seu traballo.
Este percorrido rematou cunha degustación de cabala, aproveitando a celebración das xornadas gastronómicas deste peixe que se están a celebrar ata mañá en Ribadeo, organizadas por Acisa coa colaboración da OPP do Porto de Burela e do Concello ribadense.















