O GRUPO COMPAY SEGUNDO ACTUARÁ O VINDEIRO 14 DE XULLO NA VILA.

TRÁTASE DUN DOS PRATOS FORTES DO VI RIBADEO INDIANO, QUE ORGANIZAN O CONCELLO E ACISA.

O grupo Compay Segundo actuará o 14 de xullo na vila. Trátase dun dos pratos fortes do VI Ribadeo Indiano, que organizan o Concello e Acisa. Entre as novidades deste 2019 figuran un Ciclo de Cine Cubano e o I Certame de Pintura Rápida. Ademais a ONCE dedica un dos seus cupóns ao Ribadeo Indiano.

Desde a organización indican que “despois de cinco anos nos que o éxito foi a máis, agora toca afrontar unha nova edición coa ilusión posta nunha celebración que nos dá a coñecer polo mundo adiante e que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán”.

Unha nova edición, este ano dedicada a Cuba, cargada de propostas diferentes para facer que o Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor. Esta edición celebrará os seus días fortes do 12 ao 14 de xullo e como novidade estrela o domingo no barrio de San Roque do centro da vila ás 20.30 horas actuará o internacionalmente coñecido grupo Compay Segundo, que chega dende Cuba para facer unha xira por todo Europa.

O grupo Compay Segundo actuará o 14 de xullo na vila

O VI Ribadeo Indiano contará de novo con conferencias, actuacións musicais, teatro na rúa, visitas guiadas polo noso legado, visitas a casas indianas, coches clásicos, xincanas, actividades infantís, talleres de bailes, verbenas tradicionais etc. Como nas ultimas edicións o Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana estará integrado no evento é celebrarase o sábado, 13 de xullo.Tamén, volverá o mercadiño de produtos de ultramar (os interesados en participar xa poden atoar as bases para a inscrición na páxina web do Concello, o prazo remato o 28 de xuño).

Novidades

A organización subliña que “nesta edición, como novidade e en colaboración co Consulado da República Cubana, durante os días previos do 6 ao 9 de xullo, contaremos cun Ciclo de Cine Cubano, en saúdo ao 60 aniversario do ICAIC (Instituto Cubano de Artes e Industrias Cinematograficas) e ao 500 aniversario da Habana. Durante este, proxectaranse os filmes cubanos: Habanastation, Clandestinos, Boccaccerias habanera e Fresas e Chocolate”.

E engaden: “outras das grandes novidades desta edición é o I Certame de Pintura Rápida Ribadeo Indiano. Deste xeito, nesta ocasión queremos incorporar un acto benéfico á axenda deste evento, no que os ingresos serán destinados ao Hospital Hijas de Galicia. Esta institución, ubicada en A Habana (Cuba), naceu en 1917 para defender, apoiar e asistir ás mulleres galegas que estaban en situación de marxinación e desamparo, chegando a contar con 58.000 asociadas no 1924. O pasado 20 de xaneiro este hospital veuse afectado por un tornado durante o cal as súas instalacións sufriron danos moi importantes. O certame terá lugar o sábado, 13 de xullo, nos diversos espazos onde teñen lugar as actividades deste evento, no casco urbano de Ribadeo. As obras premiadas serán subastadas sendo o seu prezo de saída o valor de premio que reciba cada obra, o resto serán postas a venda. Os ingresos recibidos tanto pola venda como pola subasta doaranse ao Hospital Hijas de Galicia”.

Desde o Concello e desde Acisa subliñan que “outro dos pratos fortes desta edición será o sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, que terá lugar de forma presencial despois da actuación de Compay Segundo. Para participar, as persoas poderán obter as rifas coas súas compras dende o 4 ao 14 de xullo nos máis de 130 establecementos adheridos tanto de hostalería coma de comercio a esta campaña”.

E de novo para facerlle unha homenaxe a aqueles que no seu momento tiveron que partir deixando atrás a súa terra, Ribadeo contará coa exposición Nós tamén fomos emigrantes, que se poderá visitar do 28 de xuño ao 18 de xullo na oficina de turismo. Durante a súa inauguración, que terá lugar o 28 de xuño ás 19.30 horas farase unha visita guiada pola mesma.

Nós tamén fomos emigrantes recolle unha antoloxía de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. Son retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeración das nosas nais e pais e tamén de avós e avoas, que abandonaron a súa terra en procura dun futuro mellor.

Xa por último, a ONCE dedicará un dos seus cupóns exclusivamente ao Ribadeo Indiano. A súa presentación terá lugar o vindeiro luns, 1 de xullo, 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo. Este xa está dispoñible para a súa adquisición nos lugares habituais de compra.

Toda a información do VI Ribadeo Indiano pode atoparse na web: indiano.ribadeo.org e no perfil de facebook Ribadeo Indiano