O PEQUENO COMERCIO PARA OS MÁIS PEQUENOS É O TÍTULO DO OBRADOIRO QUE TERÁ LUGAR O VINDEIRO 29 DE XUÑO EN RIBADEO.

ESTÁ ORGANIZADO POR ACISA E TEN COMO DESTINATARIOS AOS MÁIS PEQUENXS DA CASA. A ACTIVIDADE É GRATUÍTA.

O 29 de xuño terá lugar un obradoiro destinado aos nenxs que leva por título O pequeno comercio para os mais pequenos. Vaise desenvolver no centro de ocio infantil Con Sentidiño, que é un establecemento asociado a Acisa. A actividade, que é gratuíta, dará comezo ás 19 horas.

Segundo explica o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “trátase dun taller de consumo no comercio local destinado aos máis pequenos e pequenas da casa”.
Pérez sinala que “o obradoiro dará comezo cun contacontos orientado aos nenos e nenas que lles pretende ensinar que coa compra local gañamos todos e conseguiremos un futuro mellor”.

Desde a xerencia da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos indican que “esta actividade estase a desenvolver en diferentes lugares de España. Desde Con Sentidiño fixéronnos a proposta e pareceunos moi interesante empezar a concienciar aos máis pequenos da importancia que ten o comercio local para un pobo como Ribadeo. E facelo a través dun contacontos pode resultar moi atractivo e interesantes para os asistentes”.

Ademais de contacontos os nenos e nenas participarán nun taller de debuxo no que elaborarán carteis para incentivar as compras no pequeno comercio, no que temos a carón da casa. Jesús Pérez asegura que “esas obras pasarán a ser propiedade de Acisa, que poderá empregalas nas campañas que se organicen desde a nosa asociación”. E anima “ás nais e aos pais a levar aos seus nenos e nenas para que acudan a este obradoiro o 29 de xuño, que é gratuíto e no que estarán atendidos por monitores, que os achegarán ao pequeno comercio”.

O 29 de xuño terá lugar un obradoiro destinado aos nenxs que leva por título O pequeno comercio para os mais pequenos