
Durante a sesión abordouse a problemática da perda de actividade comercial derivada da falta de relevo xeracional, unha realidade que afecta a numerosos negocios de proximidade en toda Galicia e tamén na vila ribadense. Neste contexto os asistentes recibiron información sobre as diferentes axudas públicas dispoñibles para favorecer a transmisión empresarial, facendo especial fincapé no Bono Remuda, impulsado pola Xunta de Galicia. A xornada contou coa participación de representantes da Rede de Polos de Emprendemento: Belén López Cayón, técnica do Polo de Mondoñedo, que fixo unha presentación dos servizos e accións de apoio ao emprendemento impulsados pola rede autonómica; e Francisco Lago García, tamén técnico do Polo de Mondoñedo, que explicou os detalles do Bono para a Remuda Xeracional e analizou os principais retos aos que se enfrontan os negocios xestionados por persoas próximas á xubilación.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a directora territorial de Emprego e Comercio, Carmen José López, e o xerente de Acisa, Jesús Pérez, interviñeron ao inicio da xornada e déronlles á benvida aos asistentes, entre os que se atopaban a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, e as directivas do colectivo empresarial ribadense: Manoli Torviso, Trinidad Otero e Tita Iglesias.
Acisa agradece a asistencia e a participación nesta xornada sobre o relevo xeracional nos negocios locais e subliña: “queremos fomentar este formato de charlas sobre temas concretos de interese para os nosos asociados e asociados. Xa o ano pasado foron impartidas conferencias sobre IA, cambios normativos, bizum, rexistro da xornada laboral, etc…”. E engaden: “estamos moi pendentes do relevo xeracional co obxectivo de ofrecer un servizo e asesoramento desde a nosa entidade para evitar peches producidos polas xubilacións de negocios que contan cunha traxectoria de éxito. Niso nos imos centrar nos vindeiros meses”.















