O vindeiro luns, 10 de xaneiro, terá lugar o sorteo da XI Festa do Comercio de Acisa Ribadeo. En xogo estarán 4.000 euros premios. Por segundo ano consecutivo a cita non será presencial, debido á situación sanitaria que se está a vivir.
Todas as persoas que realizan as súas compras no comercio asociado entre o pasado 2
de decembro e ata o 9 de xaneiro están a recibir algunha as 200.000 rifas postas en
circulación, setenta e cinco mil máis que o ano pasado.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, lembra que “este ano, coma o pasado, o sorteo da
Festa do Comercio non será presencial para evitar as aglomeracións que se producían
outros anos nesa xornada. Vaise realizar nas oficinas de Acisa o 10 de xaneiro e será
emitido en vídeo a través das redes sociais da nosa asociación, coa posterior publicación
dos números agraciados nos medios de comunicación”.
O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos,
Francisco Iriarte, indica que “este ano temos novidades nos premios, que se repartirán
nun de 2.000 euros, dous de 500 euros, dous de 250 euros e cinco de 100 euros, co fin
de poder premiar a máis xente e mantendo sempre un gran premio”.
Pérez Prada sinala que “chega o momento de revisar os bolsos, os caixóns, as bolsas, os
petos para reunir todas as rifas que nos foron entregando ao longo do último mes en
Ribadeo para despois revisalas con calma e coñecer os nomes dos gañadores/as desta XI
Festa do Comercio”.
As persoas afortunadas terán ata o 21 de xaneiro para reclamar os seus premios nas
oficinas de Acisa Ribadeo e despois disporán de dous meses para gastar eses vales de
compra nos locais asociados, é dicir terán ata o 21 de marzo.
Iriarte Quintana anima “á veciñanza de Ribadeo e de toda a contorna a achegarse á
nosa vila para aproveitar as rebaixas de inverno, que comezan estes días, e nas que
poderán atopar grandes descontos en todos os produtos desta tempada. O noso comercio abre os domingos pola mañá, xornada na que recibimos a moitos clientes de
Asturias e de diversos puntos da provincia de Lugo, que veñen mercar a Ribadeo, que
veñen pasear, tomar o aperitivo ou xantar. Seguimos sendo un referente comercial e a
xente dominguea aquí, xesto que lles agradecemos a todos e todas”.