O xornalista e escritor Santiago Jaureguizar será
o pregoeiro do Ribadeo Indiano 2023. Así o deu a coñecer a organización no día
de hoxe.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, subliñou que “Santiago Jaureguizar pasou
a súa infancia e a súa mocidade en Ribadeo, de aí que pensaramos nel para o
pregón da oitava edición do Ribadeo Indiano. Como xornalista desenvolve o seu
labor no xornal El Progreso de Lugo, na sección de Cultura. No ano 2005 obtivo
o Premio de Xornalismo Reimóndez Portelano, no 2009 o Premio Museo
Provincial e o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego en 2018,
entre outros moitos recoñecementos”.
A edil ribadense seguiu a relatar que “os seus inicios literarios están
relacionados co movemento bravú. Santiago Jaureguizar foi pioneiro na
introdución da literatura galega en internet con proxectos como Familia feliz, en
Vieiros”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “como escritor ten publicados
varios libros, ten participado en varias obras colectivas e conta no seu haber con
premios tanto xornalísticos como literarios. Estamos convencidos de que a súa
retranca e a súa vinculación con Ribadeo van estar moi presentes no pregón,
que terá lugar o 7 de xullo no Teatro”.
Concello e Acisa adiantaron tamén algunhas das novidades do oitavo Ribadeo
Indiano. O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “esta edición estará
dedicada ás artes, tal e como se plasmou no cartel coas vidreiras da Torre dos
Moreno. As artes, sobre todo a arquitectura, estarán moi presentes nas
conferencias que terán lugar do 7 ao 9 de xullo e tamén nas exposicións das
que poderemos gozar ribadenses e visitantes”. E engadiu que “tamén se
producirán cambios na xornada do venres na chegada ao porto, onde haberá un
importante concerto musical. Verbenas no Campo de San Francisco e
actuacións en moitos recunchos da nosa vila forman parte da programación do
Ribadeo Indiano 2023, na que non faltarán os haigas, a xincana, actividades
infantís, visitas guiadas e teatralizadas, o Mercado de Ultramar ou o Mercado da
Horta. Ademais do xa anunciado concerto de Eliades Ochoa o 9 de xullo no
barrio indiano de San Roque”.
Cruzado Iglesias lembrou que “as actividades do Ribadeo Indiano coas vésperas
e as antevésperas xa deron comezo o pasado 5 de xuño cun obradoiro de
coctelería e seguirán os días 17 e 24 deste mes cun obradoiro de baile para a
xente moza. Todo co obxectivo de ir creando ambiente para a fin de semana
mais agardada do ano na nosa vila, que será decorada para a ocasión, ao igual
que os negocios locais aos que lles agarda algunha sorpresa que desvelaremos
proximamente”.
Concello e Acisa agardan que “o oitavo Ribadeo Indiano sexa un éxito, ao igual
que o foron as pasadas edicións, que o tempo acompañe e que todos gocemos
e rendamos homenaxe á nosa emigración”.