Os Bolechas, pasearon polas rúas de Ribadeo.

30

Os Bolechas pasearon polas rúas de Ribadeo, actividade organizada por ACISA. Saíron da Avenida de Galicia, pasaron polas inmediacións da praza de abastos, pola rúa de San Francisco, polas Catro Calles e polo Cantón.

Os famosos Bolechas fixeron as delicias dos máis pequenos e pequenas da casa.

A actividade, organizada por Acisa coa colaboración do Xacobeo 2021 e da Xunta de Galicia, forma parte da programación de Nadal que deu comezo hai uns días co acendido do árbore da praciña de San Roque e coas panxoliñas que soan nas rúas de Ribadeo.

Desde Acisa fan unha valoración positiva da visita dos Bolechas: “fixeron fotos con todos os nenos e nenas cos que se atoparon e cos adultos” e subliñaron que “o paseo por Ribadeo discorreu con normalidade e respectando os protocolos covid en vigor”.

A campaña de Nadal de Acisa inclúe o sorteo da X Festa do Comercio, que repartirá 4.000 euros en premios. A principal novidade é que o sorteo non será presencial para evitar as aglomeracións que se producían outros anos. Este realizarase nas oficinas de Acisa o 11 de xaneiro e será emitido en directo a través das redes sociais da asociación, coa posterior publicación dos números agraciados nos medios de comunicación. Desde o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro as rifas están a disposición dos clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo. Este ano haberá un premio de 2.000 euros, un premio de 1.000 euros, un premio de 500 euros e cinco premios de 100 euros.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo aposta tamén pola animación en directo, sempre que as circunstancias o permitan e deixando aberta a posibilidade de cancelación. Hoxe Os Bolechas estiveron en Ribadeo e tamén haberá pasarrúas de gaitas varias fins de semana, pola tarde e ao mediodía.

Desde Acisa animan “a ribadenses e visitantes a disfrutar con sentidiño, respectando as medidas de hixiene e a distancia de seguridade, das actividades previstas, das compras no comercio local e do consumo na hostalería”.