
Os días 13 e 14 de xuño terá lugar o XXI Torneo de Fútbol Base Alevín, que organiza a SD Ribadeo.
No evento participarán 57 equipos procedentes na súa maioría de Asturias e de Galicia e tamén de Cantabria e Castela-León. Arredor de 950 xogadores e adestradores se darán cita no torneo, que encherá de novo a vila de deporte e de familiares, que arrouparán aos seus rapaces e gozarán de Ribadeo, da súa paisaxe e da súa gastronomía. O torneo desenvolveranse no estadio municipal Pepe Barrera, no Ceip Gregorio Sanz e no Campo da Vía.
Na presentación do XXI Torneo de Fútbol Base Alevín da SD Ribadeo participaron o alcalde, Dani Vega, o técnico municipal de Deportes, Iván López, a secretaria da SD Ribadeo, Mª José Tella, o coordenador de Fútbol 8 da SD Ribadeo, Aitor García, o deputado provincial Dani García, o concelleiro Marcos Villamil, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.
Este evento deportivo está organizado pola SD Ribadeo, coorganizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e colaboran o Concello de Ribadeo, Acisa, a Deputación de Lugo, Eroski e Gadis.
















