A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo colabora coa segunda edición do Vendaval Fest, que se celebra na vila esta vindeira fin de semana.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, explicou que “mais de 15 establecementos asociados a Acisa ofrecen descontos especiais os días 26, 27 e 28 de xullo aos asistentes á segunda edición do Vendaval fest. Esta é unha nova actividade da nosa asociación en colaboración cos organizadores deste festival. Participan comercios, locais de hostalaría, hoteis… con descontos que van dende o 5% ao 30 % a maiores do prezo de rebaixas nos comercios participantes, 2×1 en pizzas, prezos especiais en consumicións como cañas ou copas, descontos en comidas ou combos especiais de comida e bebida, son so algúns exemplos”.
O xerente do colectivo empresarial ribadense, Jesús Pérez, contou que “con motivo desta nova edición do Vendaval Fest, o equipo organizador do festival propúxonos levar a cabo unha actividade na que se poidan implicar os negocios locais e polo tanto beneficiarse da esperada chegada de moitos asistentes. A proposta pareceunos interesante, xa que é unha boa forma de que o apoio que dende Acisa ofrecemos ao Vendaval Fest se vexa compensada coa posibilidade de que os asistentes ao festival realicen os seus gastos nos establecementos asociados ao noso colectivo”.
Pérez Prada subliñou que “para beneficiarse destas promocións especiais estes días, solo é necesario posuír a pulseira de acceso ao festival e ensinala á hora de pagar, e así o negocio aplicará o desconto ou promoción á compra ou consumición realizadas”.
Cruzado Iglesias dixo: “queremos desexarlle a mellor das sortes o Vendaval Fest nesta segunda edición, que seguro vai ser un éxito. Dende Acisa consideramos que iniciativas así son moi importantes para o fomento da economía local”.
O xerente de Acisa declarou: “estamos seguros de que moitos veciños e veciñas animaranse esta fin de semana a saír e desfrutar das compras na nosa vila e de comer ou cear fora, ou de tomar unhas cañas con amigos, e que serán moitos os visitantes que se acheguen a Ribadeo grazas á musica e a proposta do Vendaval Fest, por iso desde Acisa quixemos colaborar neste evento, tanto economicamente como con esta campaña de descontos para os seus asistentes”.
A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradeceu aos organizadores do Vendaval Fest “que quixeran contar con nos como colaboradores e que ademais buscasen unha forma na que involucrar ao tecido empresarial co seu festival”.