PAPÁ NOEL VISITARÁ RIBADEO O VINDEIRO DOMINGO, 23 DE DECEMBRO

ESTARÁ POLA MAÑÁ E POLA TARDE NAS INMEDIACIÓNS DO TEATRO. ACISA ANIMA AOS NENOS E NENAS A ACHEGARSE A VELO

Papá Noel visitará Ribadeo o vindeiro domingo, 23 de decembro. Estará pola mañá e pola tarde nas inmediacións do Teatro. Acisa anima ás nenas e nenos a achegarse a velo.

Os nenos e nenas que queiran estar con Papá Noel, facer fotos, conversar, etc… poderán facelo o 23 de decembro no Teatro en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Acisa convida a todos os nenos e nenas de Ribadeo e doutros puntos da contorna “a achegarse a esta vila durante o Nadal porque van gozar coa presenza de Papá Noel e do carteiro real, que están desexando poder saudar e abrazar aos máis pequenos e pequenas da casa”.

Ademais Acisa Ribadeo convoca o concurso Queridos Reis Magos no que poderán participar todos os nenos e nenas con idades de 0 ata 12 anos. Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos animan aos nenos e nenas dos colexios de Ribadeo, Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, a participar nesta cita e a levar as súas cartas e debuxos ao carteiro real que estará en Ribadeo os días 3 e 4 de xaneiro no Teatro de 12 a 14 horas polas mañás e de 17 a 20 horas polas tardes.

Cada participante deberá entregar o seu debuxo ou carta orixinal realizado con calquera material ou técnica. O debuxo presentarase nunha folla de papel de tamaño A4 o DIN A3. Os traballos terán que ser entregados no buzón do carteiro real que estará os días 3 e 4 de xaneiro na entrada do Teatro. Para identificar os traballos terán que levar escrito o nome do concurso, o título da obra, o nome e apelidos do concursante, a idade e o teléfono de contacto.

Establécense dous premios e o fallo do xurado darse a coñecer o día 12 de xaneiro na VIII Festa do Comercio. Os gañadores ou gañadoras recibirán dous grandes xoguetes. Os traballos presentados pasarán a ser propiedade de Acisa Ribadeo, quen os utilizará para a súa exposición u outros fins que considere convenientes na promoción de actividades comerciais e culturais.

Papá Noel e o Carteiro Real visitan Ribadeo gracias a A.C.I.S.A.

Apertura comercio nas festas

Desde Acisa aproveitan para subliñar “a importancia de comprar no comercio local sobre todo nestas datas, que son as máis fortes do ano para os nosos locais asociados. A maioría do comercio abrirá as súas portas o domingo, 23 de decembro, e tamén o día de Noiteboa, o luns, aínda que o resto do ano os luns é día de peche e descanso en Ribadeo. Queremos aproveitar a ocasión para desexarlles unhas felices festas a todos os socios e socias de Acisa e a toda a fiel clientela do comercio e da hostalería local”.